Pestanas principais

O Concello de Ames adhírese á Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo

Mércores, 12 de agosto de 2015

[12-08-2015] O Concello de Ames informa de que este mércores, 12 de agosto, ás 11:00 horas, haberá unha reunión da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego na Casa da Cultura de Ordes con representantes do sector e alcaldes. Neste acto tamén se fará a presentación da tractorada comarcal. Ademais, a partir das 13:00 horas, desenvolverase unha mobilización en Lalín. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o documento base para a supervivencia do sector lácteo galego, que foi apoiado polas organizacións agrarias e por miles de gandeiros/as.

Cómpre lembrar que o pasado, 30 de xullo, no pleno ordinario de xullo aprobouse por unanimidade de todos os grupos con representación na corporación unha moción presentada polo grupo Ames Novo, para que o Concello de Ames se adherise á Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo.

Na comisión informativa, na que se abordou este tema, o goberno presentou varias emendas que foron aceptadas. Ademais, no propio pleno o grupo municipal popular presentou outras dúas emendas das que foi aprobada unha delas.

A concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa García, explica que “dende o Concello de Ames somos conscientes da situación de crise que está soportando este sector. Debido a iso é necesario por en marcha unha serie de medidas urxentes e implicar ás administracións públicas para establecer uns prezos xustos do leite, que permitan aos nosos gandeiros e gandeiras desenvolver a súa actividade”.

O goberno de Ames apoia o documento base para a supervivencia do sector lácteo galego, que foi apoiado polas organizacións agrarias e por miles de gandeiros/as, e dálle difusión ás mobilizacións comarcais convocadas para a defensa deste sector.

Deste xeito, infórmase de que este mércores, 12 de agosto, ás 11:00 horas, haberá unha reunión da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego na Casa da Cultura de Ordes con representantes do sector e alcaldes. Neste acto tamén se fará a presentación da tractorada comarcal.

Ademais, hoxe desenvolverase unha mobilización en Lalín, que comezará cunha tractorada. De seguido, haberá unha concentración diante da Casa do Concello. Ás 13:00 horas realizarase unha manifestación que discorrerá dende a praza da Marina ata a praza da Igrexa. Ao remate unha xoven gandeira lerá un manifesto.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Adhesión a la plataforma en defensa del sector lácteo"