Pestanas principais

O Concello de Ames adhírese á Central de Contratación da Deputación co obxectivo de mellorar a eficacia na actividade administrativa

Luns, 29 de decembro de 2014

[29-12-2014] A corporación municipal aprobou cos votos a favor do grupo de goberno a adhesión do Concello de Ames á Central de Contratación da Deputación Provincial da Coruña co obxectivo de simplificar a tramitación administrativa na adquisición de bens e servizos de utilidade para o ente local. Por outra banda, deixouse encima da mesa a reversión da parcela cedida en favor da Xunta de Galicia, para a construción do parque comarcal de bombeiros no Milladoiro, ata que a Xunta de Galicia emita un informe no que aclare se renuncia a executar esta infraestrutura. Ademais, deuse conta da renuncia da concelleira do PP, María Carmen Verde, e da solicitude de expedición de credencial en favor de Ana Ruso. Así mesmo, solicitouse a credencial a favor da concelleira non electa do PSOE, Begoña Gómez.

O pasado venres, no pleno ordinario de decembro, a corporación municipal aprobou a adhesión do Concello de Ames á Central de Contratación da Deputación Provincial da Coruña. Este tema saíu adiante co voto a favor dos cinco concelleiros/as do grupo de goberno. As tres concelleiras non adscritas Pilar Candocia, Susana Mayo e Olaia Alvite votaron en contra, mentres que os cinco concelleiros/as do grupo municipal socialista e os concelleiros/as non adscritos María González Gómez, Manuel Ferreiro Santiago, Emilio Martínez Carballeira e Ramón García Argibay abstivéronse.

Trátase dun convenio marco, que poderá empregar o Concello cando desexe adherirse a algún procedemento de contratación que lle interese. Esta ferramenta creouse para facilitarlle aos concellos adheridos unhas condicións económicas máis vantaxosas ao tempo que se simplifica a tramitación administrativa na adquisición de bens e servizos de utilidade para o ente local.

Coa inclusión neste convenio provincial, o Concello de Ames pretende contribuír dun xeito decisivo a incrementar a eficacia da actividade administrativa e reducir o gasto público. A proposta incrementa o plan de contratación administrativo que se puxo en funcionamento na actual lexislatura e que ten como obxectivo a regularización de contratos e a planificación da contratación municipal.

Reversión da parcela cedida para o parque de bombeiros
Por outra parte, a corporación municipal aprobou deixar encima da mesa a reversión da parcela cedida en favor da Xunta de Galicia, para a construción do parque comarcal de bombeiros no Milladoiro. O grupo municipal socialista presentou unha proposta para non abordar este tema ata que a Xunta de Galicia emita un informe no que aclare se renuncia a executar esta infraestrutura no terreo de 4.669’39 metros cadrados situado no sector S-16 “Galdrachán”.

Sobre esta cuestión o alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou que “xa pasaron máis de seis anos dende que en outubro de 2008 se aprobou en Pleno a cesión desta parcela, e non se avanzou nada na construción do parque comarcal de bombeiros. Por iso, dende o grupo de goberno cremos que é o momento de que este terreo reverta en favor do Concello para empregalo para outros fins”. Por outra banda, o rexedor municipal tamén aclarou que “dende o Concello de Ames estanse mantendo conversas co actual alcalde de Santiago de Compostela para crear unha comisión sobre este tema. Tamén estamos en contacto coa Xunta de Galicia e coa Deputación da Coruña”.

Finalmente, a proposta socialista saíu adiante con oitos votos a favor, dos cinco concelleiros/as do grupo municipal socialista, e das tres concelleiras non adscritas Pilar Candocia, Susana Mayo e Olaia Alvite. Os concelleiros/as non adscritos María González Gómez, Manuel Ferreiro Santiago, Emilio Martínez Carballeira e Ramón García Argibay abstivéronse, mentres que os cinco concelleiros/as do grupo municipal popular votaron en contra de deixar este punto encima da mesa.

Despedida de María Carmen Verde
Por último, deuse conta da renuncia da concelleira do PP, María Carmen Verde, e da solicitude de expedición de credencial en favor de Ana Ruso, para que pase a formar parte da corporación municipal como nova concelleira do grupo municipal popular. Así mesmo, solicitouse a credencial a favor da concelleira non electa do PSOE, Begoña Gómez, para que tamén se incorpore á corporación municipal do Concello de Ames.

María Carmen Verde destacou na súa despedida que garda grandes recordos da súa etapa política. Asemade, recalcou “síntome moi orgullosa de ser a primeira muller que formou parte desta corporación municipal”. Por último, explicou que “deixa paso a xente máis nova e con máis ilusión para exercer este cargo”. Tamén lle agradeceu a todos os compañeiros/as de corporación o seu apoio.

O alcalde, Santiago Amor, agradeceulle o seu compromiso co Concello de Ames e tamén destacou “que foi a primeira concelleira da corporación municipal de Ames nun tempo no que a maioría dos edís eran homes. Un tempo que foi cambiando grazas ao traballo de mulleres coma ti”. O resto de concelleiros/as tamén agradeceron o traballo de María Carmen Verde en favor de Ames.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames busca reducir el gasto con la central de contratación provincial"