Pestanas principais

O Concello de Ames adhírese á campaña especial sobre distraccións ao volante que puxo en marcha a Dirección Xeral de Tráfico

Mércores, 07 de marzo de 2012

[07-03-2012] O Concello de Ames e a Dirección Xeral de Tráfico colaboran na campaña especial sobre distraccións ao volante que se está desenvolvendo entre os días 5 e 18 de marzo. A Policía local de Ames colaborará no control dos condutores que circulen falando polo móbil, empreguen cascos ou auriculares conectados a aparellos receptores ou reprodutores de son. Incrementarase o número de controis co obxectivo de mellorar a seguridade viaria. Tamén se controlará aos condutores que empreguen ou manipulen durante a condución pantallas de acceso á internet, monitores, reprodutores de vídeo, DVD ou navegadores. Ademais, denunciaranse todas as infraccións que provoquen distraccións na condución. Unha vez rematada a campaña, o Concello de Ames terá que enviarlle un informe sobre os resultados obtidos na devandita campaña á Xefatura Provincial de Tráfico.

A Dirección Xeral de Tráfico realiza de maneira periódica campañas de sensibilización e concienciación sobre a distracción, emitindo anuncios en televisión e cuñas divulgativas na radio con diferentes situacións nos que a distracción aparece como factor de desencadeamento do accidente, co fin de lembrar que o coche é unha máquina perigosa e que o conducir require a máxima atención. En cumprimento da programación das campañas e operacións de vixilancia e control para o ano 2012 que leva a cabo a Dirección Xeral de Tráfico, entre os días 5 ao 18 de marzo estase desenvolvendo unha nova campaña especial sobre distraccións ao volante.

A utilización xeneralizada das novas tecnoloxías con racionalidade e sentido común, fai que mellore a nosa calidade de vida; con todo, o mal uso e o abuso destas pode chegar a provocar graves patoloxías que na condución ten consecuencias, en demasiados casos, dramáticas. O principal motivo desta campaña é concienciar a cidadanía da importancia da condución responsable, pero vai dirixida tamén a outros colectivos, como os peóns e os ciclistas onde é frecuente observar actos ou comportamentos imprudentes, especialmente na contorna urbana.

Motivos de distracción ao volante

Durante o ano 2011, estímase que 606 persoas faleceron en accidentes cuxa causa foi unha distracción ao volante, principalmente polo uso indebido de teléfonos móbiles, navegadores, ou outros dispositivos que se engadiron aos motivos tradicionais de distracción, como ler un diario ou un mapa mentres se conduce, tratar de expulsar un insecto do coche ou fumar ao volante. Por exemplo, o uso do teléfono móbil multiplica por catro o risco de accidente equiparándoo ao de facelo baixo os efectos do alcol.

O uso do teléfono móbil convencional durante a condución aumenta de forma significativa o risco de colisión. Marcar un número de teléfono móbil, responder a unha chamada telefónica, acender un cigarro, axustar a radio ou o reprodutor de CD mentres se conduce, supón apartar a vista da estrada durante un tempo, período no que o vehículo circula sen control e poden xurdir circunstancias que provoquen un grave accidente. O tipo de accidente máis frecuente debido á distracción é a saída da vía, o choque co vehículo precedente ou o atropelo.

Datos sobre accidentes e denuncias

No ano 2010 producíronse en España 85.503 accidentes de circulación con vítimas. Nestes accidentes faleceron 2.478 persoas (1.928 na estrada e 550 en zona urbana) dentro dos trinta días seguintes ao accidente e resultaron feridas 120.345 (59.889 na estrada e 60.456 en zona urbana). No ano 2010, a distracción aparece como factor concorrente nun 39% dos accidentes, a súa incidencia na estrada e do 45% e en zona urbana do 33%.

Un dos principais motivos que xera a distracción do condutor é a utilización do teléfono móbil durante a condución. No ano 2010, a Agrupación de Tráfico da Garda Civil formulou 116.540 denuncias por utilización do teléfono móbil, esta cifra supón un 16% menos que o ano anterior. Segundo datos provisionais, no ano 2011 o número de denuncias por utilización do teléfono móbil foi de 125.964, o que supón un incremento do 8%, en relación a 2010.