Pestanas principais

O Concello de Ames adhírese ao sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero do Ministerio do Interior

Mércores, 23 de marzo de 2011

[23-03-2011] O alcalde de Ames, Carlos Fernández, e o secretario de Estado de Seguridade, Antonio Camacho, asinan hoxe, ás 11:00 horas, na delegación do goberno da Coruña un convenio mediante o cal o Concello de Ames se adhire ao protocolo de colaboración e coordinación entre as forzas e corpos de seguridade do Estado e os corpos de policía local, para a protección das vítimas de violencia de xénero doméstica e de xénero. Unha vez asinado o acordo de colaboración, o Ministerio do Interior e o Concello adecuarán os seus sistemas informáticos para permitir as conexións necesarias. Este protocolo é unha ferramenta que se emprega no itinerario de actuación interinstitucional en materia de violencia de xénero. O seu obxectivo é integrar recursos, avaliar riscos, e establecer un seguimento eficaz das medidas de protección. Deste xeito serán 26 os concellos adheridos a este sistema, dos 315 municipios que existen en Galicia.

Dende que se produciu o cambio de goberno en Ames alá polo ano 2003 o Concello de Ames vén traballando na erradicación da violencia de xénero dende distintos servizos municipais. Con este mesmo obxectivo a Policía local intervén de forma directa no seguimento e protección das vítimas de violencia de xénero. Seguindo esta liña de traballo o Concello de Ames vaise adherir ao sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero do Ministerio do Interior. Isto permite a adhesión da Policía local ao protocolo de colaboración e coordinación entre as Forzas do Estado e os corpos de Policía local para a protección das vítimas de violencia doméstica e de xénero.

Este protocolo está elaborado no marco normativo da Lei orgánica 1/2004 de medidas de protección integral contra a violencia, da Lei orgánica 2/1986 de forzas e corpos de seguridade do Estado e da Lei orgánica 6/1985 do poder xudicial. O seu principal obxectivo é establecer os criterios básicos de colaboración e coordinación que permitan optimizar os recursos existentes no termo municipal correspondente a garantir así o cumprimento eficaz das medidas xudiciais de protección das vítimas de violencia de xénero.

Na elaboración desta medida participaron activamente o Ministerio do Interior e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), en calidade de asociación de entidades locais, e establécense uns puntos de actuación a seguir por todas as forzas e corpos de seguridade (estatais, autonómicos e locais) na asistencia e protección durante os casos de violencia machista.

Unha vez asinado o acordo de colaboración, o Ministerio do Interior e os Concellos adecuarán os seus sistemas informáticos para permitir as conexións necesarias. A Secretaría de Estado de Seguridade xa formou aos novos usuarios do sistema para que coñezan o seu contido e o seu funcionamento. Así mesmo, e coa finalidade de facer o seguimento do seu desenvolvemento, constituirase unha Comisión Técnica de Seguimento, integrada por tres representantes de cada unha das partes.

Esta aplicación sitúa á vítima de violencia de xénero no centro dun sistema que ten por obxectivos: aglutinar ás institucións que interveñen na protección e seguridade das vítimas de violencia de xénero (Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, policías autonómicas e locais, fiscais, xuíces, Institucións Penais, Unidades de Coordinación e de Violencia sobre a Muller e Servizos Sociais); integrar nunha soa base de datos toda a información sobre as circunstancias que rodean ás vítimas de violencia de xénero; realizar "valoracións do risco" da vítima de sufrir unha agresión e adoptar as medidas de protección necesarias; e implantar un sistema de avisos, alertas e alarmas que permita, segundo os protocolos establecidos, reaccionar de forma rápida e eficaz.

Valoración do risco

A valoración do risco da vítima de violencia de xénero realízase a través dunha ferramenta construída a partir de 40.000 casos reais e validada por un equipo de catedráticos universitarios e especialistas da Policía Nacional, a Garda Civil e Institucións Penais.

Con ela, os especialistas policiais determinan o risco da vítima de sufrir unha agresión, diferenciado en catro niveles: extremo, alto medio e baixo. Estes niveis revísanse de forma periódica, ás 72 horas (no caso do extremo), 7 días (alto), 30 días (medio) e 60 días (baixo), e tamén cando o dispoña a autoridade xudicial ou o fiscal, ou existan novas circunstancias que afecten á vítima ou ao agresor.

Estas valoracións incorpóranse ao ateigado policial e comunícanse á autoridade xudicial e ao fiscal, e xeran unha serie de avisos (sobre calquera circunstancia relacionada coa tramitación de cada caso), alertas (sobre unha nova situación que poida elevar o nivel de risco da vítima), e alarmas (sobre a inminencia dunha situación grave para a seguridade da vítima).

A violencia de xénero en Ames

É de sobra coñecido o traballo que está realizando o Concello de Ames en materia de violencia de xénero. Mostra diso é o primeiro plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, onde se recolle unha área específica sobre violencia de xénero. Ademais tamén se elaborou un itinerario para actuar no momento en que se detecta un caso de maltrato. Para darlle continuidade a este programa organizáronse unhas xornadas contra a violencia de xénero, que estiveron dirixidas tanto a profesionais como á poboación en xeral. Agora dáse un paso máis coa sinatura deste convenio.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello de Ames se suma al plan de Interior de seguimiento de casos de violencia de género"