Pestanas principais

O Concello de Ames adhírese ao sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero para garantir unha eficaz loita contra o maltrato á muller

Xoves, 24 de marzo de 2011

[24-03-2011] O Concello de Ames, na figura do seu alcalde Carlos Fernández, vén de asinar co Secretario de Estado de Seguridade, Antonio Camacho, o protocolo polo que se incorpora ao Sistema de Seguimento Integral dos casos de Violencia de Xénero do Ministerio do Interior. Deste xeito, a Policía local amiense incorpórase a este sistema que pretende integrar nunha única base de datos todas a información relacionada coas vítimas da violencia machista de xeito que o acceso a dita información sexa máis fácil e rápido ao tempo que permite a implantación dun sistema de avisos, alertas e alarmas que permita reaccionar de forma rápida e eficaz ante os casos de violencia machista.

O goberno municipal, que iniciou hai sete anos unha aposta clara polo desenvolvemento de políticas eficaces de loita contra a violencia de xénero, acaba de asinar o protocolo polo que se establece a súa incorporación ao Sistema de Seguimento Integral dos casos de violencia de Xénero posto en marcha polo Ministerio do Interior. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, e o Secretario de Estado de Seguridade, Antonio Camacho, rubricaron este acordo polo que a Policía local de Ames se incorpora con pleno dereito ao devandito sistema creado polo Ministerio do Interior que ten como finalidade integrar nunha única ferramenta todos os recursos e datos relacionados con casos de violencia de xénero, ao tempo que avaliar riscos e establecer un método eficaz de seguimento das medidas de protección.

A partir de agora comeza o proceso técnico de adecuación informática dos recursos da policía local cos do Ministerio do Interior para permitir deste xeito establecer as conexións necesarias entres as forzas de seguridade do estado para a loita contra a violencia de xénero. Unha comisión técnica de seguimento, integrada por tres representantes de cada unha das partes, será a encargada de analizar o desenvolvemento e correcta aplicación desta nova ferramenta para a que a Secretaría de Estado de Seguridade xa formou aos novos usuarios que van facer uso dela e que están xa perfectamente capacitados para elo.

Esta nova aplicación posta en marcha polo Ministerio do Interior sitúa á vítima de violencia de xénero no centro dun sistema de transferencia e análise de información que facilita os procesos de obtención de datos sobre os casos de violencia acontecidos, o seu estudo para a valoración e análise dos riscos que pode correr a vítima e a posta en marcha cunha maior rapidez dos procesos administrativos e métodos legais de protección e seguimento da situación da muller.

Así, este sistema aglutina a todas as institucións do Estado que interveñen no proceso de protección das vítimas de violencia machista -Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, policías autonómicas e locais; fiscais, xuíces e Institucións Penitenciarias; e unidades de coordinación e servizos sociais-, permite integrar nunha única base de datos todos os datos sobre as circunstancias que se producen ao redor das vítimas de violencia de xénero e favorece a realización de valoracións do risco que estas corren de sufrir unha agresión, permitindo así adoptar as medidas de protección máis eficaces para evitarlle novos perigos á muller. Este sistema ten tamén a capacidade de establecer un proceso de avisos, alertas e alarmas que permitirá ás institucións implicadas na loita contra o machismo reaccionar rápida e eficazmente seguindo os protocolos establecidos en cada caso.

O sistema de valoración de riscos é unha ferramenta do novo sistema que determina a posibilidade da muller de recibir unha nova agresión diferenciando catro niveis de probabilidade de que isto suceda: baixo, medio, alto e extremo. Para un uso eficaz deste sistema, os niveis de posibilidade de agresión serán analizados de forma periódica dependendo do grao de perigosidade no que se atopa a vítima: cada 72 horas se se atopa en estado de extremo risco, cada 7 días se se trata dun caso de alto risco, cada 30 días se se trata dunha probabilidade media de sufrir unha nova agresión e cada 60 días se esta probabilidade é baixa.

Ademais, estas revisións periódicas realizaranse tamén cando así o ordene un xuíz ou un fiscal ou cando existan novos datos que afecten á vítima ou ao agresor e poidan supor un cambio na previsión de risco que corre a muller. Cada unha das valoracións realizadas incorpóranse automáticamente ao atestado xudicial e comunicarse ao xuíz e ao fiscal. Ademais, estas novas valoracións xeran unha serie de avisos relacionados con calquera elemento que afecte á tramitación do caso, alertas sobre unha nova situación que poida elevar a situación de risco da vítima, e alarmas que alerten da posibilidade inminente dun novo ataque.

Este sistema púxose en marcha en 2007 e dende entón ven xestionando información sobre preto de 200.000 mulleres e conta con 30.000 usuarios. O manexo correcto da información sobre os casos de violencia doméstica entre os actores que se encargan de protexer á muller é fundamental á hora de establecer medidas urxentes de protección da vítima. Por este motivo, a incorporación a este sistema implica unha mellora substancial dos servizos de atención e protección da muller maltratada, así como unha nova ferramenta que permite unha maior e mellor rapidez no proceso de atención, seguimento, protección e persecución dos actos de violencia contra as mulleres.

O Concello de Ames non é o único que ven de integrarse neste sistema, pois xunto co noso concello veñen de incorporarse os de Arteixo, As Pontes, Cambre, Carballo, Cerdedo, Ferrol e Vimianzo. Deste xeito serán 26 os concellos adheridos a este sistema, dos 315 municipios que existen en Galicia.