Pestanas principais

O Concello de Ames adhírese ao programa Xantar na Casa da Xunta de Galicia

Martes, 05 de xuño de 2018

[05-06-2018] O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, formalizaron nunha xuntanza co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, a incorporación do Concello de Ames ao programa “Xantar na Casa”. Coa súa adhesión, Ames fará parte deste servizo de comida a domicilio co que se pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade, adaptada ás necesidades tanto de maiores como de persoas dependentes. Durante o desenvolvemento da xuntanza, tamén se abordou a situación dos programas e recursos sociais existentes en Ames que dependen ou nos que participa a Xunta de Galicia. O encontro tamén incluíu a presentación por parte do alcalde e da concelleira de dous proxectos para a posta en marcha dun centro de día e dun novo recurso de inclusión.

O programa “Xantar na Casa” basease na entrega de menús preparados para toda a semana a persoas con déficit de autonomía, maiores, dependentes ou persoas en situación ou en risco de exclusión, que non poden cubrir as súas necesidades básicas por si mesmas. Coa adhesión de Ames son xa 168 os Concellos que forman parte desta iniciativa, da que se benefician unha media de 1300 persoas. O programa “Xantar na Casa” trátase dun servizo cofinanciado pola administración e as persoas beneficiarias, no que a Xunta de Galicia sufraga aproximadamente o 50% do importe de cada menú, outro 25% o paga o Concello e o 25% restante o usuario ou usuaria.

Con este servizo refórzase a atención ás persoas maiores que manifestan a súa preferencia por permanecer nos seus domicilios ou contornas familiares. O Servizo de Axuda no Fogar (SAF), de maior antigüidade, é un bo exemplo desta política. Cómpre destacar que no concello de Ames, nos últimos tres exercicios incrementáronse os recursos económicos destinados á potenciación do SAF cun incremento do 62,5%, o que equivaleu a poñer a disposición do ente local case 17.000 horas máis dunha prestación que arestora rexistra nesta localidade unha ratio de atención de aproximadamente o 90%.

Durante a xuntanza, as dúas partes amosaron a súa disposición a continuar neste camiño de colaboración e coordinación entre institucións, na procura de contar coas mellores políticas sociais e prestar uns servizos de proximidade e calidade. O encontro foi aproveitado polo alcalde de Ames para presentar ao conselleiro de Política Social os proxectos para un centro de día e para un novo recurso de inclusión.

“O programa ‘Xantar na casa’ como complemento do Servizo de Axuda no Fogar posibilitará a diferentes usuarias/os do noso Concello levar unha alimentación equilibrada e de calidade, adaptada as súas necesidades básicas. Con este recurso facilitaremos que persoas maiores, dependentes ou que estean en situación de risco de exclusión poidan seguir mantendo a súa autonomía. Este programa proporcionaralles polo tanto unha alimentación de calidade e nutritiva, evitará que leven unha dieta inadecuada, previndo situacións de risco que se poidan producir na cociña ou incluso facilitando un respiro ás familias e ás persoas coidadoras, contribuíndo ao impulso de medidas de conciliación da vida familiar e laboral, sobre todo das mulleres”, apuntou a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Ames adhirese ao programa Xantar na Casa"
La Voz de Galicia: "Ames se adhiere al programa autonómico Xantar na Casa"
Lindeiros: "Ames incorpórase ao programa Xantar na Casa"