Pestanas principais

O Concello de Ames adhírese ao plan de control da avespa velutina da Consellaría do Medio Rural

Xoves, 07 de decembro de 2017

[07-12-2017] O Concello de Ames vén de adherirse ao plan de control da avespa velutina que desenvolve a Consellería de Medio Rural. Deste xeito, facilitaráselle ao persoal da Agrupación de Protección Civil a formación necesaria para realizar traballos de retirada de niños de avespas velutinas, así como dous equipo de protección individual e unha pértega e elementos accesorios co obxectivo de executar ditos traballos. Esta iniciativa xorde da iniciativa das Concellarías de Medio Ambiente e de Servizos Básicos.

A vespa velutina é unha especie exótica invasora que chegou a Galicia no ano 2012, e que tivo unha gran expansión na nosa Comunidade dende o ano 2015. A dita vespa ten unha incidencia especial na produción apícola, xa que unha parte importante da súa dieta está constituída polas abellas, ás que ataca, así como sobre a produción froitícola. Así mesmo, a presenza de niños preto de poboacións constitúe un risco para as persoas, especialmente no caso das que sexan alérxicas.

No marco do desenvolvemento do Plan de vixilancia e control fronte a este especie, e posto que esta problemática afecta a todas as administracións, o Concello de Ames adheriuse ao dito plan, posto en marcha pola Consellaría do Medio Rural, e no que tamén intervén a cidadanía en xeral no ámbito da detección de individuos ou de niños desta especie.

Con este programa preténdese dar unha resposta rápida e eficaz á aparición deste insecto invasor que ameaza as colmeas pondo en perigo o futuro da produción apícola e minguando o importante papel polinizador que teñen as abellas. Calquera persoa que detecte un niño destas avespas pode comunicalo aos teléfonos 012 ou 112 onde o persoal adscrito ao programa realizará as actuacións precisas co fin de retirar ou neutralizar o niño.

Material cedido
O acordo subscrito coa Consellería do Medio Rural permítelle ao Concello de Ames dispor de equipos de protección individual e dunha pértega con elementos accesorios, destinados ao desenvolvemento do plan de vixilancia e control da vespa velutina en Galicia, mediante labores de retirada de niños. Ademais, impartirase formación a 6 voluntarios/as que forman parte da Agrupación de Protección Civil, que serán divididos en dous grupos de tres persoas, para realizar estes traballos.

A pértega cedida está constituída polos seguintes elementos: 1 pértega de material aluminio lixeiro; 2 punteiros inxectores de distinta lonxitude (para niños grandes e pequenos); 2 mangueiras de tubo transparente; unha espátula; unha funda; e un sistema impulsor con bomba de accionamento manual. Os equipos de protección individual cedidos están composto dos seguintes elementos: 2 traxes de dobre capa abrandado composto por 65% poliéster e 35% algodón.

O concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, valora moi positivamente a adhesión a este Plan, porque "permítelle ao Concello darlle un servizo á cidadanía que cada ano está máis demandado". Pola súa parte o concelleiro de Servizos Básicos, e responsable da Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil de Ames, Blas García, manifesta que "este novo servizo é un paso importante para o concello, e tamén para Protección Civil, xa que lle permite á Agrupación recentemente creada, facer unha labor moi necesaria nun campo que cada vez ten máis demanda pola poboación amesá".


Contido relacionado


Lindeiros: "Ames adhírese ao plan de control da vespa velutina"