Pestanas principais

O Concello de Ames adhírese ao manifesto da campaña de sensibilización Panos brancos contra a droga

Martes, 26 de xuño de 2012

[26-06-2012] O Concello de Ames apoia a campaña de sensibilización social Panos Brancos contra a Droga, que este ano celebra a súa sétima edición e que está promovida pola Fundación Galega contra o Narcotráfico e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Esta iniciativa, que conta cun gran respaldo social e ten como obxectivos reducir o narcotráfico e consumo de drogas potenciando outros valores, celébrase hoxe coincidindo co Día Internacional contra o consumo indebido e o tráfico de ilícito de drogas.

O Concello amiense vén desenvolvendo un programa de prevención de drogodependencias que conta cun amplo abano de actividades e iniciativas en diferentes ámbitos de actuación. Deste xeito, a través da Concellaría de Sanidade, realizáronse programas educativos no ámbito escolar e iniciativas informativas destinadas ás familias. Non hai que esquecer que a familia ten un papel fundamental na educación, é o modelo base da aprendizaxe de valores, actitudes e comportamentos para os fillos/as.

Coincidindo co Día Internacional contra o consumo indebido e o tráfico de ilícito de drogas, os concellos de Ames, Brión e Negreira celebrarán esta tarde un Feirón Saudable na Carballeira de Santa Minia en Brión. O Feirón Saudable irase realizando cada ano nun dos tres municipios.

Durante toda a tarde, organizaranse diferentes actividades e, ademais, entregaranse os premios ás autoras dos carteis gañadores no primeiro certame de carteis Ames, Brión, Negreira-Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas. Os galardóns, dotados cun trofeo e un vale por importe de 50 euros cambiable por material escolar, foron parar a dúas alumnas de Ames e Negreira. O concurso quedou deserto en Brión, onde non se presentaron traballos. En total, presentáronse ao certame un total de 95 traballos.

O Feirón Saudable comezará ás 17,00 horas coa celebración de xogos populares e de diferentes iniciativas, como un obradoiro de pulseiras. Unha hora despois, ás 18,00, terá lugar a entrega de premios aos galardoados. Trátase de Nerea Montes Pérez, de 15 anos e que cursa terceiro da ESO no IES de Ames. O seu cartel leva como lema 'Drogas, que non te controlen'. O outro galardón recaeu en Uxía Pérez Ponte, unha alumna de primeiro da ESO do IES Xulián de Magariños de Negreira. A rapaza, de 13 anos de idade, presentou un cartel co lema 'Saír é difícil, non entres'.

Tras a entrega de premios, o Feirón continuará na Carballeira de Santa Minia con máis actividades destinadas aos mozos e mozas. O obxectivo é sensibilizalos sobre o problema mundial da droga.

Invitámosvos a tod@s a conmemorar o 26 de xuño!. É unha ocasión única de tomar acción contra un problema que nos afecta a tod@s. Contamos contigo no Feirón Saudable que este ano se organizará con tal motivo en Brión.