[25-04-2013] O Concello de Ames decidiu sumarse ao convenio de colaboración acordado entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e o Consello Xeral do Poder Xudicial para a detección de supostos de vulnerabilidade con ocasión do desafiuzamento de vivenda familiar e medidas de carácter social. Os trámites establecidos neste acordo para a atención a casos de desafiuzamentos serán levados a cabo desde a Concellería de Benestar Social.
Este convenio ten como obxectivo establecer un protocolo para actuar de forma preventiva en casos de desafiuzamentos. En virtude deste acordo, os xuíces alertarán dos casos de desafiuzamentos aos servizos sociais dos concellos, que poderán realizar unha valoración provisional da situación de cada familia e daranlle información. De forma complementaria, o Servizo de Coordinación de Servizos Sociais Comunitarios da Consellería de Traballo e Benestar estudará posibles solucións, ben a través dos programas de inclusión social ou menores, ben analizando co Instituto Galego de Vivenda e Solo a aplicación dun programa de realoxo dos afectados.
Ademais da adhesión a este convenio, o Concello de Ames puxo en marcha a comisión municipal sobre desafiuzamentos, cuxa creación foi acordada no pleno de decembro de 2012. A finalidade da comisión, formada por responsables dos servizos sociais municipais e representantes dos grupos políticos, foi fixada como a de atender casos de posibles desafiuzamentos e, principalmente, traballar na súa prevención. Tamén se acordou convocar a esta comisión a representantes de Cáritas Milladoiro e Bertamiráns e da Plataforma Stop Desahucios e Arquitectos sen Fronteiras.
No marco desta comisión, propúxose a creación dunha subcomisión técnica delegada, formada polos técnicos municipais de Servizos Sociais e por un delegado das organizacións máis implicadas na materia de desafiuzamentos e asuntos bancarios. Esta subcomisión terá como obxectivo a abordaxe con antelación dos casos ou aqueles outros que estean en fase de execución do desafiuzamento, previa entrevista co/coa traballador/a social municipal que lle corresponda.
Esta subcomisión levará a cabo tarefas de orientación e asesoramento legal, de balde, a aqueles veciños/as de Ames que non poidan facer fronte ao abono das súas cotas hipotecarias e propoñer solucións alternativas. Tamén asesorarán a aquelas persoas que non poidan afrontar os seus alugueres ou que, pola súa situación económica, prevén que non poidan afrontalo nos próximos meses. Ademais, entre outras actuacións, procurarán ás persoas afectadas unha atención correcta e integral no ámbito competencial da Concellería de Benestar Social, poñendo á súa disposición todos os recursos necesarios, tanto humanos como materiais.
O Concello lembra, ademais, que os Servizos Sociais municipais prestan información, asesoramento e xestión xurídica a todas aquelas persoas que a precisen por cuestións de vivenda ou por calquera outro asunto de índole social. As persoas que precisen deste asesoramento xurídico poden dirixirse ás Unidades de Servizos Sociais do Concello en Bertamiráns (Praza de Chavián, Casa da Cultura de Bertamiráns) e no Milladoiro (Rúa de Abaixo, 10).




