Pestanas principais

O Concello de Ames adheriuse á Rede Española de Cidades Saudables recuperando novamente o Programa “Ames Saudable” e dándolle un novo impulso

Xoves, 02 de marzo de 2017

[02-03-2017] No pasado ano o Concello de Ames adheriuse á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde. Esta iniciativa propón o desenvolvemento progresivo de intervencións identificadas como boas prácticas e baseadas na evidencia científica, encamiñadas a promocionar a saúde, previr enfermidades, lesións e a discapacidade. Unhas das medidas incluídas dentro deste programa foi abrir de novo ao público o servizo personalizado da nutricionista municipal que atende os xoves na Casa de Cultura de Milladoiro e os venres no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Pódese pedir cita a través do correo electrónico dietista@concellodeames.gal

O goberno municipal consciente de que Ames é un dos concellos con máis mocidade de Galicia, adheriuse o pasado ano á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde. Esta iniciativa propón o desenvolvemento progresivo de intervencións identificadas como boas prácticas e baseadas na evidencia científica, dirixidas a promocionar a saúde, previr enfermidades... actuando de xeito integral durante todo o curso da vida sobre factores como a actividade física, a alimentación, o tabaco, o alcohol e o benestar emocional, tendo en conta o entorno no que vive a poboación e cunha vocación de universalidade nas intervencións. Deste xeito, esta estratexia non só está dirixida á poboación moza senón tamén á poboación amesá maior.

O obxectivo principal desta Estratexia é fomentar a saúde e o benestar de todos os nosos veciños e veciñas. Promove estilos de vida saudable, así como entornos e condutas seguras na poboación infantil mediante a coordinación de intervencións integrais dende os diferentes ámbitos: sanitario, educativo, etc. Tamén se aposta por promover estilos de vida saudables durante o embarazo e lactancia, promover o benestar emocional na poboación infantil, o envellecemento activo e saudable na poboación maior de 50 anos e previr o deterioro funcional e promover a saúde e o benestar emocional na poboación maior de 70 anos.

Desenvólvese nun eixe con tres dimensións de acción como son os factores priorizados (o consumo de tabaco, a inactividade física, a alimentación, o consumo abusivo de alcohol e o estrés poden producir ou agravar enfermidades, polo que é moi importante promover estilos de vida saudables); tendo en conta a poboación (esta estratexia dálle prioridade á atención da infancia e ás mulleres en estado de xestación, xa que un 19% da poboación de Ames ten entre 0-15 anos, e as persoas adultas, especialmente aos maiores de 50 anos, que representan o 27% da poboación); e os entornos existentes (é moi importante actuar de forma integral, actuando nas diferentes contornas vitais de cada poboación. Nas consultas de atención primaria débese achegar información e recursos que se poden usar dentro do concello, por iso hai que dispor dun mapa de recursos para a saúde da zona).

Actuación transversal
Trátase dunha actuación transversal que implica distintos departamentos municipais. Para iso é necesario ter un enfoque poboacional que vaia más alá das intervencións na área da saúde e facer actuacións transversais dende todos os departamentos municipais (deportes, educación, nutrición, urbanismo, servizos sociais, turismo...). O proxecto Ames Saudable engloba tres áreas de actuación: promoción da actividade física; promoción dunha alimentación saudable; e promoción dunha vida sen tabaco, alcohol e outras drogas.

Unhas das medidas incluídas no programa Ames Saudable foi abrir de novo ao público o servizo personalizado da nutricionista municipal que atende os xoves na Casa de Cultura de Milladoiro e os venres no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Ademais, realízanse unha serie de accións encamiñadas a ofrecer información e asesoramento sobre hábitos alimenticios e vida saudable aos clubs deportivos de base, aos centros escolares, ás ANPAS e aos colectivos da terceira idade. As consultas para a nutricionista poden solicitarse a través do correo electrónico dietista@concellodeames.gal.

Asemade, o pasado ano ofertouse un ciclo sobre alimentación saudable para o alumnado amesán de segundo da ESO. Deuse formación a uns 40 monitores dos servizos complementarios sobre alerxias e intolerancias alimentarias e conmemorouse o Día Mundial sen Tabaco, animando aos traballadores/as municipais a formar parte dun programa para deixar de fumar baixo co lema Comezamos: Hoxe é un bo día!