[29-11-2018] O Teatro Rosalía da Coruña foi onte escenario para a entrega do premio correspondente ao Certame Manuel María de proxectos teatrais, convocado pola Fundación e Casa-Museo Manuel María coa colaboración de 23 concellos e 3 deputacións, en concreto: A Coruña, Ames, Barbadás, Betanzos, Brión, Cambados, Cambre, Cangas, Carballo, Carral, Cedeira, Culleredo, Malpica, Monforte, Muros, Neda, Oleiros, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Verín, Vimianzo e as Deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra. O concelleiro de Cultura e Educación do Concello de Ames, David Santomil, asistiu a dito acto.
Nesta primeira edición, o Xurado -composto por Manuel Lourenzo (presidente), Belén Pichel e Francisco Cadaval (vogais) e Alberte Ansede (secretario sen voto)- estimou que o mellor proxecto foi o presentado por Teatro da Ramboia realizado sobre o texto de Manuel María O meu mundo non é deste reino ou Farsa de Bululú, unha parodia sobre a ditadura franquista. O xurado destaca entre os valores da obra gañadora o amplo abano de público ao que se dirixe; a diversidade de espazos e ambientes nos que pode ser escenificado e a probada calidade artística do elenco que se propón, tanto na área do teatro actoral como na de monicreques, así como a súa coherencia co universo dramático de Manuel María e, en concreto, coa obra escollida. A compañía gañadora está integrada por María Peinado, Fran Lareu, Anxo García e Germán Gundín.
Este Certame está destinado ás compañías profesionais galegas e premia a mellor proposta escénica dunha obra de Manuel María, co compromiso por parte da compañía gañadora de levalo a cabo no prazo de 10 meses. Por tanto, o proxecto que onte se premiou, estrearase en setembro de 2019. Iso supón que o Certame teña carácter bienal de xeito que nunha anualidade se presentan os proxectos e na seguinte se realice a proposta gañadora.
Canto ao premio outorgado adóptase unha fórmula orixinal xa que substancialmente non se premia con diñeiro, senón con representacións. Así, desde a Fundación faise unha achega económica modesta, 2.000 euros, e os concellos e deputacións adheridas comprométense a que a obra gañadora se inclúa na súa programación teatral. O resultado é, nesta edición, que a obra premiada xa parte co importante número de 26 representacións.
A encargada da entrega do Premio foi Saleta Goy, viúva do escritor e Presidenta da Fundación convocante, estando acompañada dunha nutrida representación das institucións colaboradoras, entre as que se atopaban o concelleiro de Cultura e Educación do Concello de Ames, David Santomil, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, alcalde de Carral e mailos concelleiros/as de cultura da Coruña, Cambados, Cambre, Carballo, Culleredo, Monforte e Oleiros.