Pestanas principais

O Concello de Ames actualízase para dar cumprimento ao requirimento feito pola Inspección de traballo da Coruña

Martes, 17 de maio de 2016

[17-05-2016] Nas últimas semanas o Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, enviou un informe que foi requirido previamente pola Inspección á empresa Norprevención SL, que ten adxudicado o servizo municipal de prevención de riscos laborais, con relación ao cumprimento de diversos requirimentos efectuados pola inspección de traballo que se realizou a comezos do mes de xuño de 2015. Nestes intres o Concello está levando a cabo varias accións para dar cumprimento aos requirimentos que quedan pendentes de executar. De seguido, durante a primeira semana de xullo, o Concello deberá achegar a documentación acreditativa do cumprimento destas medidas, así como do Libro de visitas.

Cómpre lembrar que o pasado 2 de xuño de 2015 realizouse unha inspección nas instalacións de varios departamentos do Concello de Ames. A inspectora visitou varios locais de traballo do Concello acompañada dun dos delegados do Comité de Seguridade e Saúde do Concello, tomándolle declaración aos traballadores presentes nos diferentes centros, co obxectivo de efectuar comprobacións sobre as condicións de traballo existentes.

Trala visita a inspectora elaborou un informe e fixo unha citación para que o Concello e os delegados do Comité de Seguridade e Saúde comparecesen nas oficinas de Inspección, que están situadas na Coruña, coa recomendación da presencia dalgún representante con poder de decisión. A esta visita acudiu o recente alcalde de Ames, José Miñones, xunto cos representantes do Comité de Seguridade e Saúde do Concello e o responsable da empresa Norprevención SL. Nesta citación, que se produciu a comezos do pasado mes de xullo, solicitóuselle ao Concello de Ames que levase a cabo unha serie de medidas en materia de prevención e que durante os anos anteriores se viñan incumprindo reiteradamente.

O rexedor municipal comprometeuse diante da inspectora de traballo a regularizar a situación en seguridade e así durante a primeira semana do pasado mes de agosto o Concello xa lle remitiu á Inspección un primeiro informe no que se detallaban diversas solucións e medidas correctoras que xa foran adoptadas. Ademais, naquel momento acordouse enviar un segundo informe sobre outras medidas correctoras que había que adoptar durante o primeiro trimestre de 2016 e que se achegou a través dun documento no que se recolle a planificación de 2016.

Deste xeito, no informe enviado recentemente recóllense as actividades realizadas para dar cumprimento á proposta de requirimento. En dito documento infórmase, que durante o primeiro trimestre de 2016, avaliáronse as instalacións da nave de obras e do persoal da brigada municipal, así como dos equipos de traballo, identificando os supostos nos que é necesaria a presenza de recursos preventivos. Ademais, impartiuse unha formación de postos de traballo dos traballadores da brigada de obras e actualizáronse os equipos de traballo.

Asemade, impartiuse un curso de nivel básico de prevención de riscos laborais no que participando 10 persoas pertencentes á brigada municipal de obras. Este curso desenvolveuse no Pazo da Peregrina de Bertamiráns entre o 28 de marzo e o 18 de abril. Este curso formativo de 60 horas lectivas serviu para capacitar aos empregados para exercer como recurso preventivo. Tamén se realizou unha planificación para impartir un curso de prevención de riscos laborais ao resto do persoal municipal, que se comezou a impartir o pasado 18 de abril e rematará a finais do mes de xuño.

Por último, envióuselle un borrador de organigrama sobre o servizo municipal de prevención de riscos laborais e habilitouse un espazo para almacenar produtos químicos que antes estaban na nave de obras. Na última semana o Concello levou a cabo unhas novas xornadas de formación dirixidas a todo o persoal do Concello.

Actividades pendentes de executar
Por último, durante a primeira semana de xullo, o Concello deberá achegar a documentación acreditativa do cumprimento das medidas que se recollen na planificación enviada, así como o Libro de visitas. Está pendente de recompilar os manuais de uso dos equipos da nave de obras e realizar os correspondentes rexistros de mantementos destes equipos, no caso de que sexan necesarios.

Respecto á entrega dos EPI, que foron recibidos o pasado 7 de abril, procederase a súa reposición e entrega aos traballadores, deixando constancia da entrega de ditos EPI e da ficha técnica que acompaña ao EPI, mediante os rexistros de entrega de Equipos de Protección Individual (aportado por Norprevención SL).

Ademais, haberá que habilitar unha partida orzamentaria, para cambiar as cadeiras de oficina que están deterioradas, colocación de repousapés, e colocación de persianas ou dun sistema similar para o control de reflexos e entrada de luz en determinadas dependencias do Concello. Tamén terá que ser aprobación o organigrama preventivo na vindeira reunión do Comité de Seguridade e Saúde, que está prevista para finais de maio ou principios de xuño.

O alcalde de Ames, José Miñones, sinala que "o conxunto de actuacións que levamos a cabo permítenos ir poñéndonos ao día nun campo que estivo totalmente esquecido. Seguiremos falando co Comité de Seguridade para avanzar nas accións a levar a cabo esperando acadar os obxectivos marcados".

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello avanza en el cumplimiento del requerimiento de Traballo"
El Correo Gallego: "Ames dá un paso máis para a mellora das condicións laborais"