[30-04-2014] O Concello de Ames, a través da concellaría de Deportes, realizou unha ampla revisión das 23 pistas polideportivas descubertas que están repartidas ao longo do termo municipal. Estas instalacións municipais son empregadas tanto polos adultos para a práctica de diferentes deportes, coma polos nenos e nenas que as utilizan para xogar nas súas horas de lecer. As pistas están situadas nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nas diferentes parroquias amienses. Ademais, o Concello de Ames fará unha revisión da senda verde para comprobar o estado das sinais indicativas e para limpar a vexetación que medrou nos últimos meses.
Durante as últimas semanas o persoal da concellaría de Deportes realizou unha ampla revisión das 23 pistas polideportivas municipais descubertas que existen no termo municipal de Ames. Os traballos de revisión realizáronse na pistas polideportivas que se atopan en Bertamiráns, O Milladoiro, nas urbanizacións e nas diferentes parroquias amienses. Deste xeito, en Bertamiráns revisouse a pista polideportiva descuberta do paseo fluvial, a pista polideportiva da praza de Chavián, o mini-campo de fútbol do parque do Río Ameneiral e a pista de tenis da área deportiva desta localidade.
Tamén se revisaron as pistas polideportivas descubertas, que están situadas no rural amiense, entre as que se atopan as de Castiñeiro do Lobo, Costoia, Covas, Guimaráns, Lapido, Ortoño, Agrón, Ameixenda, Piñeiro, Proupín, Tapia, Tarrío, Trasmonte e Ventín. No Milladoiro revisáronse as pistas polideportivas descubertas que están situadas na avenida do Muíño Bello, na rúa Eira de Abaixo e nas áreas deportivas desta localidade. Por último, tamén se fixo unha revisión completa da pista de pádel da urbanización de Aldea Nova.
Trala correspondente revisión destas instalacións deportivas municipais detectáronse diferentes deficiencias que serán solucionadas de cara o verán, para que a veciñanza amiense poida empregar estas pistas polideportivas en perfectas condicións. Algúns dos traballos que se realizarán nas vindeiras semanas son o pintado das liñas do campo de fútbol sala da pista polideportiva descuberta do paseo fluvial de Bertamiráns, cortar a herba dos arredores da pista de pádel de Aldea Nova, suxeitar ao chan as porterías da pista polideportiva da Ameixenda e reparar a malla rota que está detrás dunha das porterías da pista polideportiva da praza de Chavián.
Outros traballos que haberá que desenvolver son a reparación do pavimento da pista de tenis da área deportiva de Bertamiráns, suxeitar ao chan as porterías da pista polideportiva de Costoia, limpar a maleza da pista polideportiva de Covas, reparar a malla metalizada e pintar as liñas da pista polideportiva de Guimaráns, reparar as mallas metálicas e o pavimento das pistas da área recreativa do Milladoiro, reparar un dos puntos de suxeición dunha das porterías da pista polideportiva descuberta de Piñeiro, dotar dunha rede de tenis á pista polideportiva de Proupín, instalar unha roda nunha das canastras e soldar unha das porterías da pista polideportiva de Tarrío e reparar o pavimento e a malla metálica da pista polideportiva de Ventín.
Acondicionamento da Senda Verde
Ademais, como todos os anos por esta época, o Concello de Ames realizará unha revisión integral da Senda Verde para que estea a punto de cara aos meses da época estival co obxectivo de que todos os amantes do sendeirismo poidan camiñar por esta ruta que une as localidade de Bertamiráns e do Milladoiro, a través de vellos camiños e novas pistas forestais que, nun traxecto de 12 quilómetros, percorren zonas con valor patrimonial e paisaxístico.
Deste xeito, revisaranse as sinais indicativas por se algunha se atopa en mal estado e hai que cambiala por outra nova. Tamén se limpará a vexetación que medrou nos últimos meses para que os camiños e pistas estean en perfectas condicións. O trazado desta ruta permite incorporarse ou abandonala en varios puntos ao longo do itinerario, grazas á extensa rede de camiños e pistas existentes no rural amiense. A ruta ofrece fermosas vistas do Val da Maía, paraxes de singular beleza, lugares de interese histórico local, núcleos de poboación tradicionais e elementos de carácter etnográfico e relixioso.
Contido relacionado

El Correo Gallego "Ames revisará os 23 polideportivos e a senda verde para acondicionalos"
La Voz de Galicia: "Ames pondrá a punto las 23 pistas deportivas y la senda verde antes del verano"




