[18-07-2014] O Concello de Ames acondicionou as pistas le voleibol-praia, que están situadas no parque municipal do Rego do Ameneiral, en Bertamiráns. O goberno municipal instalou un peche perimetral ao redor das devanditas pistas, para que non podan acceder animais e persoas axeas á práctica deste deporte. Ademais, cambiouse a area destas pistas, que son empregadas polo Club de Voleibol Bruxas e por outras asociacións que organizan torneos de verán de fútbol-praia. A través desta iniciativa o Concello de Ames intenta fomentar a practica do voleibol entre a mocidade amiense.
O voleibol é un deporte que está en auxe no concello de Ames. Debido a iso e para mellorar as instalacións municipais onde se practica este deporte o goberno municipal decidiu mellorar as pistas de voleibol-praia, que se atopan no parque municipal do Rego do Ameneiral. Neste lugar existen unhas pistas que eran empregadas tanto por persoas que practican este deporte como por outras persoas que paseaban por este lugar cos seus animais.
Para acondicionar estas pistas o Concello de Ames instalou un peche perimetral ao redor destas instalacións municipais, para evitar o acceso a este lugar de animais e persoas axeas á práctica deste deporte. Ademais, reforzáronse os postes do peche perimetral e colocáronse catro portas de acceso ás pistas. Tamén se cambiou a area destas instalacións por outra nova.
Estas instalacións son empregadas habitualmente polo Club de Voleibol Bruxas, que participan no campionato galego de voleibol-praia. Nestas pistas adestran as rapazas sub 15 e sub 17 e os rapaces sub 19 do Club de Voleibol Bruxas. Ademais, outras asociacións soen solicitan estas pistas para organizar torneos de fútbol-praia durante os meses de verán.







