[14-06-2013] Dende mañá, sábado 15 de xuño, ata o 15 de setembro, as piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro e a área recreativa de Tapia ofreceranlle á veciñanza amiense unha alternativa á costa galega. Este sábado comeza oficialmente o período estival en Ames xa que as piscinas descubertas municipais e a praia fluvial de Tapia abrirán ao público por primeira vez este ano. O horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns será de 10:30 h a 20:30 horas, de luns a domingo, mentres que na praia fluvial de Tapia o horario de apertura será de 15:00 h a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 h a 21:00 horas. Durante estes horarios haberá servizo de vixilancia e socorrismo.
Servizo de vixilancia e socorrismo
O servizo de vixilancia e socorrismo comezará a prestarse o día 15 de xuño e estará activo ata o 15 de setembro, incluídos os domingos e os festivos. O horario será ininterrompido, pero haberá diferencias entre Tapia e as piscinas. Así, na praia fluvial de Tapia haberá catro socorristas. O horario de vixilancia de luns a venres será de 15:00 h a 21:00 horas, mentres que os sábados e domingos este servizo prestarase en horario de 11:00 h a 21:00 horas.
Por outra banda, nas piscinas municipais descubertas do Milladoiro e de Bertamiráns haberá dous socorristas en cada unha das piscinas. O horario de vixilancia será fixo de 10:30 h a 20:30 horas, de luns a domingo.
Para completar os labores de vixilancia o Concello de Ames realizou un proceso selectivo para contratar a seis vixiantes que atenderán as instalacións das piscinas municipais descubertas do Concello de Ames durante o período estival. Estas persoas serán as encargadas de limpar as piscinas descubertas, controlar a entrada a estas instalacións e de manter a orde dentro dos recintos.
Carnés das piscinas
O día 27 de maio comezou o prazo de solicitude de carnés para as piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e O Milladoiro. O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, informa de que para solicitar a tarxeta de usuario/a será preciso presentar o impreso de solicitude cuberto, unha foto de carné e o resgardo de pagamento das taxas. O único requisito imprescindible para conseguir este abono é estar empadroado no Concello de Ames.
Todas as persoas que estean interesadas en obter o carné de usuario/a das piscinas descubertas municipais poden solicitar máis información na oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns, situada no Pazo da Peregrina, chamando ao número de teléfono 981 884 991, e na Casa da Cultura do Milladoiro, no número de teléfono 981 535 940.
As piscinas descubertas de Bertamiráns e O Milladoiro e a área recreativa de Tapia, que se atopa ás beiras do río Tambre, convértense durante os meses de verán en lugares moi concorridos por todos os veciños e veciñas de Ames. Para que estas instalacións estean en perfectas condicións, o Concello de Ames estivo acondicionando as piscinas municipais descubertas e a área recreativa de Tapia durante as dúas últimas semanas.
A piscina de Bertamiráns dispón dunhas dimensións de 27 metros de longo por 13 metros de ancho e unha profundidade de 1,70 metros. No Milladoiro existen dúas piscinas. Unha delas está dedicada ás persoas adultas cunha profundidade de 2,10 metros, mentres que a outra é para os cativos e conta cunha profundidade de medio metro.
A área recreativa de Tapia abarca unha extensión total de 15.000 metros cadrados. Esta enorme área engloba un gran número de instalacións como son a praia fluvial, con dúas zonas de baño no propio río, unha piscina para nenos, as instalacións do club de piragüismo "Ribeiras do Tambre", un muíño rehabilitado, vestiarios, grellas, e un pequeno bar, todo isto rodeado por amplas zonas verdes, onde poder tomar o sol, e zonas de aparcadoiro. Estas instalacións acollen numerosas iniciativas como son os cursos de natación, de iniciación ao piragüismo, etc.
As instalacións de Tapia así como as existentes en Bertamiráns e Milladoiro permanecen abertas ó público dende mediados de xuño ata mediados de setembro, permanecendo abertas de luns a domingo, festivos incluídos. Na praia fluvial de Tapia o horario será de 15:00 h a 21:00 horas de luns a venres, os sábados e domingos de 11:00 h a 21:00 horas. Nas piscinas do Milladoiro e Bertamiráns o horario será de 10:30 h a 20:30 horas, de luns a domingo.





