Pestanas principais

O Concello de Ames acondiciona os parques infantís e beirarrúas do rural do municipio

Martes, 23 de xullo de 2013

[23-07-2013] O Concello de Ames vén de poñer en marcha un plan de limpeza e acondicionamento de parques infantís de area e de beirarrúas en diferentes puntos do rural amiense. A finalidade destas actuacións é acometer o acondicionamento e posta a punto destas zonas. Esta é a segunda ocasión neste 2013 na que o Concello leva a cabo o acondicionamento dos parques infantís do rural, despois de realizala xa a principios de ano. O concelleiro de Vías, Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, explicou que este plan de acondicionamento “inclúe traballos de mantemento de infraestruturas do municipio que son moi necesarios para un correcto uso destas instalacións e tránsito polas vías por parte dos veciños e veciñas amienses”.

Os traballos nas beirarrúas e viais do rural amiense comezaron esta mesma semana pola parroquia de Ortoño, máis concretamente nos lugares de O Santo e de Ortoñiño. As tarefas que están realizando os operarios consisten na limpeza da maleza, herbas e outros tipos de vexetación existente nos viais, nas beirarrúas e nos bordes peonís das estradas.

O plan de limpeza e desbroce de beirarrúas posto en marcha pola Concellería de Vías, Obras e Urbanismo continuará nas vindeiras xornadas por diferentes puntos do rural amiense. Deste xeito, acometerase a limpeza de viais e beirarrúas nas seguintes parroquias: Biduído (lugares de Casanova e Ventín), Covas (Capeáns, Covas, O Lombao, Loureiros ou Ventosa), Ames (no lugar de Quintáns), Bugallido (Eirapedriña, Firminstáns, Guimaráns e O Outeiro), Agrón (no lugar de Pontemaceira), Piñeiro (lugar de San Mamede) ou Ameixenda.

As beirarrúas van acumulando co paso do tempo sedimentos, que pouco a pouco atascan os pasos de auga e nos que medran as malas herbas. Polo tanto, os operarios realizan traballos, tanto con medios manuais como mecánicos, para eliminar terra e vexetación nestas zonas. Estas tarefas complementan ao traballo realizado polo tractor municipal, que está levando a cabo labores de limpeza e desbroce nas cunetas e pistas asfaltadas do termo municipal e que está traballando a dobre quenda (de mañá e tarde) entre os meses de xuño e outubro.

Acondicionamento de parques
No caso dos parques, acondicionaranse as instalacións de ocio infantil de area situadas nos lugares da Condomiña, Aldea Nova, Lapido, Sisalde, Milladoiro, Bertamiráns, As Mimosas, Ventín, Biduído de Arriba, Augapesada, Castiñeiro do Lobo, Cruxeiras, parque da antiga escola unitaria de Trasmonte, Guimaráns e Piñeiro. As actuacións consistirán nunha exhaustiva limpeza das zonas de xogo e do seu contorno.