Pestanas principais

O Concello de Ames acondiciona dúas parcelas de Bertamiráns dedicadas a aparcadoiros

Mércores, 02 de decembro de 2015

[02-12-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, acompañado do concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Blas García, e da concelleira de Promoción Económica, Isabel González, achegáronse esta mañá ata a parcela que está situada nas inmediacións da rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns, para ver de primeira man o estado das obras que se están executando. Esta zona de aparcamento de 2.835 metros cadrados dispón de máis de 100 prazas de estacionamento. Ademais, estase acondicionando unha segunda parcela na rúa Ameneiral, tamén en Bertamiráns, que dispón de algo máis de 200 metros cadrados e arredor de 10 prazas de aparcamento.

O Concello de Ames está acondicionando dúas parcelas de Bertamiráns que están dedicadas a aparcadoiros públicos para mellorar o estado das áreas de estacionamento xa existentes. Unha destas parcelas está situada na rúa Alcalde Lorenzo e conta cunha superficie total de 2.835 metros cadrados e de máis de 100 prazas de aparcamento, mentres que a segunda finca dedicada a aparcadoiro, que se atopa na rúa Ameneiral, conta con algo máis de 200 metros cadrados e arredor de 10 prazas para estacionar.

O concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Blas García, explicou que ademais de acondicionar estas dúas parcelas, que tiñan unha gran necesidade de ser arranxadas, o goberno está falando cos propietarios doutras fincas desa mesma zona co obxectivo de incrementar o número de prazas de estacionamento no núcleo urbano de Bertamiráns. Optamos por asfaltar estas parcelas porque cremos que é unha solución con maior durabilidade no tempo, que outras que se realizaron con anterioridade, e que non serviron para mellorar o firme desta aparcamento”.

Os traballos realizados nas dúas parcelas consisten en preparar a base da parcela, achanzar o terreo, tapar as fochancas existentes, estender unha capa de grava e dotar aos aparcamentos de recollida de pluviais para evitar que auga volva a facer estragos no terreo. Ademais, nesta ocasión en vez de estender soamente grava polo terreo aplicouse un dobre tratamento asfáltico e vanse a pintar as prazas de estacionamento. Estas parcelas non son de titularidade municipal pero os seus propietarios téñenllas cedidas provisionalmente ao Concello para poder dedicalas a aparcadoiros públicos e gratuítos. Nestes dous aparcadoiros, que se atopan en Bertamiráns, poden estacionar ao redor de 140 vehículos.

A concelleira de Participación e Atención Veciñal e Promoción Económica, Isabel González, incidiu en que “con esta actuación dáselle cumprimento a un dos compromisos adquiridos cos comerciantes de Bertamiráns que é o de ampliar as prazas de estacionamento e mellorar os espazos existentes para estacionar. Deste xeito, pretendemos potenciar o tecido comercial do municipio mellorando os aparcadoiros existentes”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: '110 prazas máis de aparcamento en Bertamiráns, no concello de Ames'