[06-03-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o xefe territorial de Educación da Coruña, Indalecio Cabana, asinaron recentemente un acordo de colaboración para executar o peche do patio do CEIP Agro do Muíño. A finalidade desta actuación é darlle uso ás instalacións nas distintas épocas do ano, a salvo das inclemencias do tempo. O importe dos traballos é duns 50.000 euros e será asumido polo consistorio amesán, a Xefatura Territorial de Educación e a ANPA do colexio.
O centro sumou 456 matrículas neste curso escolar e o seu director, Ramón Pérez, indica que o patio é “o punto de entrada e saída de máis do 80% do alumnado, que emprega o transporte escolar”. Pérez recoñece que a comunidade educativa está “satisfeita e contenta” de que se leve a cabo esta actuación, que levan solicitando dende hai seis anos e cre que os beneficios da obra recalarán tamén no Concello de Ames, “que poderá facer uso das instalacións en horario extraescolar”. O director considera que a consecución destes traballos foi posible grazas ao esforzo conxunto entre a ANPA, o Consello Escolar, o Concello de Ames e a Consellería de Educación.
O patio do CEIP Agro do Muíño conta na actualidade cunha cuberta realizada en chapa metálica disposta sobre unha estrutura tamén metálica. O espazo do patio cara ao nordeste preséntase aberto e parcialmente pechado na súa fronte noroeste. A fronte sureste dá ao interior do edificio mentres que a parte suroeste aparece pechada mediante unha actuación levada a cabo con anterioridade.
Dende o consistorio amesán sinalan que “é necesario acometer esta serie de obras de mellora e acondicionamento”, pois os informes técnicos realizados recentemente recollen distintas carencias nas instalacións. Os traballos incluirán o peche dos alzados noroeste e nordeste do patio cuberto e a colocación dunha segunda cuberta interior para garantir as axeitadas condicións de uso interior do patio. Este muro alcanza os 2,50 metros de altura dende a cota horizontal e é descontinuo para permitir a conexión co exterior.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Las familias cofinancian la obra del patio cubierto del CEIP Agro do Muíño"
El Correo Gallego: "Ames repara seis viales y mejora el CEIP de Cortes para actos locales"




