[21-03-2015] O Concello de Ames vén de adxudicar en Xunta de Goberno Local dous proxectos de obras, incluídos no plan provincial DTC 93, que recollen melloras en varios camiños. Nestes traballos, que foron adxudicados á empresa Martínez Montes e Hijos SL, vanse investir un total de 57.717 euros. En concreto, actuarase no vieiro paralelo ao campo de fútbol de Bertamiráns cara o lugar de Castrigo; no camiño da Tarroeira, situado na parroquia de Ortoño; e no tramo que vai dende o lugar de Piñor ata A Garea, na parroquia de Agrón.
Os labores están centrados, sobre todo, en acondicionar a capa de rodaxe dos camiños e en colocar a correspondente sinalización horizontal. A finalidade é mellorar a seguridade viaria, tanto de peóns coma de vehículos.
Melloras na parroquia de Ameixenda
Por outra parte, o Concello de Ames iniciou o expediente de contratación de dous proxectos que recollen diversas melloras no municipio. En primeiro lugar, vanse realizar obras para acondicionar o camiño que une Cortegada e Montemaior, na parroquia de Ameixenda. Este proxecto, incluído no POS adicional de 2014, ten un custo inicial de 84.167 euros.
O segundo proxecto, incluído no Programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-2015 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), recolle seis actuacións repartidas polo termo municipal e ten un custo inicial de 92.961 euros. Os traballos desenvolveranse no camiño que vai dende Taller (Costoia) ata o cruce de Bertamiráns-Milladoiro-Framán; no camiño de Buceleiras a Outeiro; noutro camiño do lugar de Buceleiras (Bugallido); no vieiro que vai dende Ortoñiño ata o lugar das Cortes (Ortoño); nun camiño de Silsalde: e noutro de Mourigade.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames programa mejoras en varias parroquias por 235.000 euros"




