[14-11-2013] Esta semana remataron os traballos de acondicionamento do camiño que vai dende Bertamiráns ata Ponte Lapido, pasando polo lugar da Barreira. Esta obra está incluída nos proxectos de pavimentación e mellora de vías e accesos que se están executando no municipio amiense con cargo ao financiamento do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña correspondente ao 2013 e nos que se investiron preto de 140.000 euros.
Durante esta semana executáronse unha parte destes traballos de mellora dos camiños municipais. A empresa Martínez-Montes e Hijos, adxudicataria destes proxectos, estivo levando a cabo as obras de mellora na capa de rodaxe do camiño Bertamiráns-Barreira-Ponte Lapido. Nesta obra, xunto á de acondicionamento do camiño Igrexa-Campo de fútbol- A Tarroeira (Ortoño), investíronse un total de 54.661 euros.
Durante o pasado ano realizáronse actuacións en diversas parroquias e atopouse que o firme destas estradas estaba en estado defectuoso, polo que se facía necesario actuar sobre elas. En ambos camiños mellorouse a capa de rodaxe con seis centímetros de aglomerado, reparáronse as fochancas e dóuselle un tratamento asfáltico semiprofundo, e posterior pintado de bordes, aparcamentos e sinalización. Tamén se realizou a apertura e limpeza de gabias.