[15-05-2012] O pleno do Concello de Ames, reunido en convocatoria extraordinaria, aprobou esta mañá acollerse a unha operación do Instituto de Crédito Oficial (ICO) de máis de 1,5 millóns de euros para o pago a provedores. Esta aprobación levouse a cabo cos votos a favor do grupo municipal do Partido Popular, mentres que a oposición votou en contra.
Este mecanismo de financiamento está contemplado no Real Decreto-Lei 4/2012 de 14 de febreiro, polo que se determinan obrigacións de información e procedementos necesarios para establecer un mecanismo de financiamento para o pagamento aos provedores das entidades locais.
O acceso a este financiamento leva aparellada a obrigación por parte do Concello de aprobar un plan de axuste, que xa foi ratificado polo pleno o pasado 29 de marzo. A elaboración deste plan de axuste veu motivada pola crítica situación económica herdada polo actual Goberno municipal.
Posteriormente, o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas valorou favorablemente este documento, permitindo ao Concello concertar a operación de préstamo a longo prazo precisa polo importe das obrigacións pendentes. No pleno extraordinario celebrado esta mañá, deuse luz verde a unha operación por un importe máximo de 1.520.655,53 euros, a amortizar nun prazo máximo de dez anos e con dous anos de carencia (nos que só se abonarán os xuros da operación).
Esta operación permitirá ao Concello de Ames afrontar os pagos pendentes e, ao mesmo tempo, seguir prestando servizos.
Regulamento interior das escolas infantís
Na sesión de hoxe, o Pleno tamén deu luz verde á aprobación inicial, por unanimidade de toda a Corporación, do regulamento de réxime interior das escolas infantís municipais do Concello de Ames. Por primeira vez, unificouse nun só regulamento as normativas das escolas de O Bosque e A Madalena, xa que antes dispuñan dun cada unha.
No novo texto do regulamento introducíronse cambios por acordo dos tres grupos municipais. As principais modificacións foi incluír o mes de marzo como mes de baremación, ampliar o horario de agosto ata as 18,00 horas e facer universal o servizo de comedor, que se ofrecerá tanto para os rapaces que asisten a xornada completa como a media xornada.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames rebaja a 1,52 millones el crédito de pago a proveedores"




