Pestanas principais

O Concello de Ames acollerá a próxima semana as “II Xornadas sobre violencia de xénero”, que abordarán as súas consecuencias na infancia e na adolescencia

Sábado, 14 de abril de 2012

[14-04-2012] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, organiza a partir da próxima semana as “II Xornadas sobre violencia de xénero”, onde se tratarán as consecuencias da violencia de xénero na infancia e na adolescencia. Esta acción formativa, que cubriu as 40 prazas ofertadas, está dirixida a profesionais do sector e dá continuidade ás primeiras xornadas contra a violencia de xénero realizadas no concello en 2010 tras a elaboración do “Protocolo para a protección das vítimas de violencia de xénero”. Serán en total 40 horas lectivas, das cales 18 impartiranse de xeito presencial durante cinco xornadas no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, entre o 17 e o 26 de abril, e 22 completaranse a distancia, utilizando un manual de formación específico.

As “II Xornadas sobre a violencia de xénero” serán inauguradas o 17 de abril, as 18:00 horas, polo alcalde de Ames, Santiago Amor, a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, e un representante da Deputación da Coruña, xa que este programa está subvencionado por este organismo a través das axudas para actividades de fomento das políticas de igualdade entre homes e mulleres. Previamente, os asistentes serán informados da metodoloxía que deberán seguir para completar esta acción formativa e recibir o diploma acreditativo. Ademais da asistencia ás sesións presenciais, os interesados deberán completar a parte a distancia mediante a realización dunha serie de exercicios que posteriormente enviarán aos titores/as do curso.

Na xornada do mércores 18 de abril desenvolvérase a segunda sesión coa intervención, a partir das 17:00 horas, de Yolanda Román González, licenciada en dereito, experta en dereitos humanos e política exterior e responsable de incidencia política e campañas de Save The Children. Yolanda Román impartirá a charla “Na violencia de xénero non hai unha soa vítima: nenos e nenas vítimas da violencia de xénero. Consecuencias e retos”. A partir das 19:00 horas intervirán Yolanda Villaverde Gondar, traballadora social e directora do Centro de Información da Muller do Concello da Guarda, e Esteban Figueirido Woodford, psicólogo infantil do Centro de Información a Muller do Concello da Guarda. Ambos os dous impartirán unha charla sobre a intervención psicosocial con menores en situacións de conflito familiar.

A terceira xornada desenvolverase o xoves 19 de abril. Nesta xornada intervirá Beatriz Atenciano Jiménez, psicóloga infantil do servizo Mercedes Reyna pertencente á Rede Contra a Violencia de Xénero do Concello de Madrid. Beatriz Atenciano impartirá unha charla sobre os menores que están expostos a malos tratos na parella: realidade, desafíos e oportunidades.

O mércores, 25 de abril, terá lugar a cuarta xornada a cargo do persoal do Centro de Emerxencias Autonómico para vítimas de Violencia de Xénero (CEMVI), que explicarán a intervención social e psicoeducativa cos e cas menores do Centro de Emerxencia para mulleres vítimas de violencia de xénero. Este mesmo día tamén intervirá o persoal do equipo psicosocial do IMELGA de Santiago de Compostela. Neste caso ofrecerá unha charla sobre a actuación que realizan cos fillos e fillas de parellas en procedementos xudiciais por violencia de xénero.

Charla de Javier Urra aberta ao público

A clausura das xornadas sobre violencia de xénero será o 26 de abril ás 17,00 horas cunha conferencia aberta ao público xeral do prestixioso especialista Javier Urra, referencia a nivel estatal no ámbito da violencia de xénero e da atención ao menor. Javier Urra Portillo, recoñecido escritor e contertulio habitual en diferentes medios de comunicación de ámbito nacional, é doutor en psicoloxía e en enfermería, pedagogo terapeuta, psicólogo da fiscalía do tribunal Superior de Xustiza de Madrid, profesor da Universidade Complutense de Madrid e primeiro defensor do menor da Comunidade de Madrid. A conferencia de Javier Urra levará por título: “A Educación: única forma de erradicar a violencia de xénero”.