Pestanas principais

O Concello de Ames acollerá o Campionato do Mundo IAU de 100 km en 2026

Luns, 12 de xaneiro de 2026

O Concello de Ames será a sede do Campionato do Mundo IAU de 100 km 2026, a probas máis relevante do atletismo internacional de ultrafondo, que se ven celebrando dende o ano 1987 e que acollerá o 20 de setembro de 2026 o municipio.

A designación foi anunciada oficialmente pola International Association of Ultrarunners (IAU) tras a aprobación da candidatura presentada polo Comité Organizador Local, coa colaboración da Real Federación Española de Atletismo (RFEA) e o apoio das institucións galegas e locais. 

O alcalde, Blas García, destaca que esta elección supón un fito histórico para Ames e “un recoñecemento á nosa capacidade para organizar eventos deportivos de máximo nivel que, sen ningunha dúbida, repercutirán moi positivamente no municipio”. Pola súa banda a concelleira de Deportes, Susana Señorís, destaca a experiencia do Concello de Ames na organización de probas deportivas e abre a porta a seguir acollendo competicións desta envergadura.

O campionato reunirá en Ames a atletas de elite procedentes de todo o mundo, que competirán representando ás súas seleccións nacionais sobre a distancia de 100 quilómetros, nun evento de gran impacto deportivo, social e económico. A celebración desta proba converterá o municipio nun escaparate internacional, con ampla proxección mediática e unha importante repercusión para o tecido económico e turístico da contorna.

Desde o Concello de Ames destácase que a organización deste campionato reforza o compromiso municipal coa promoción do deporte, os hábitos de vida saudables e a atracción de eventos internacionais que contribúan ao desenvolvemento local e á dinamización do territorio.

Nos vindeiros meses, o Concello de Ames, xunto co Comité Organizador e as entidades colaboradoras, irá facilitando información detallada sobre o percorrido, a programación oficial e as actividades paralelas que acompañarán a celebración do Campionato do Mundo IAU de 100 km 2026.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ames acogerá el 20 de septiembre el Campeonato del Mundo de 100 kilómetros"

Lindeiros: "Ames acollerá o Campionato do Mundo IAU de 100 quilómetros"

O Concello de Ames acollerá o Campionato do Mundo IAU de 100 km en 2026