[13-11-2014] O Club Camper Galicia organiza varias quedadas ao longo do ano, pero sempre realizan unha xuntanza anual para desenvolver a asemblea xeral deste club. Deste xeito, este ano a localidade de Bertamiráns acollerá a VI Quedada do Club Camper Galicia. O Concello de Ames colabora nesta iniciativa cedendo as instalacións do Pazo da Peregrina. Esta é a segunda vez que este evento se organiza no concello de Ames despois de que xa se realizara no pavillón do Milladoiro no ano 2012. Está previsto que acudan a esta cita unhas 50 furgonetas camper e unhas 110 persoas (90 adultos e 20 nenos/as). Estas persoas participarán en varias actividades que lles oferta o Concello de Ames para esta fin de semana como son unha representación teatral, unha saída micolóxica, a festa do magosto, unha visita á fábrica de Feiraco, etc.
Os participantes irán chegando nas súas furgonetas camper ás inmediacións do Pazo da Peregrina o venres 14 pola tarde e o sábado 15 pola mañá. As furgonetas camper estacionarán ao longo da avenida José Luís Azcárraga, diante do Pazo da Peregrina. O venres pola noite os participantes poderán asistir a obra de teatro Os Figurantes, que representa na Casa da Cultura do Milladoiro, a compañía de Muros, Aquelando Teatro. Este espectáculo encádrase dentro da IX edición da Mostra de Teatro Afeccionado. Ás 22:00 horas haberá unha cea comunitaria na que se lle dará a benvida a todos os participantes.
O sábado pola mañá os asistentes poderán participar na saída miolóxica, para coñecer novos aspectos sobre os cogomelos, que oferta o Concello de Ames dentro da programación de celebración da Festa do Magosto 2014. As persoas que non desexen participar nesta actividade teñen a posibilidade de participar nunha visita guiada á fábrica da empresa FEIRACO. Posteriormente, realizarase unha comida no Pazo da Peregrina.
Pola tarde, todas as persoas que o desexen poderán participar nas actividades que ten previsto realizar o Concello de Ames para celebrar a Festa do Magosto de 2014. Haberá música, castañas, pan con chourizo, bebidas e obradoiros para os nenos e nenas. Ademais, o sábado pola tarde tamén hai mercado de rúa en Bertamiráns. Ás 19:00 horas desenvolverase no Pazo da Peregrina a Asemblea Xeral do Club Camper Galicia. A continuación haberá unha cea comunitaria e unha festa que estará amenizada polo gran Freddy DJ.
O domingo pola mañá os participantes farán unha mostra das súas furgonetas camper diante do Pazo da Peregrina. Posteriormente, realizarase unha visita a Ponte Maceira e, se o tempo o permite, desenvolverán unha comida na área fluvial de Tapia. No caso de que chova a comida realizarase no Pazo da Peregrina. O Concello de Ames colabora nesta iniciativa cedendo as instalacións do Pazo da Peregrina, así como na organización de actividades e visitas.




