[04-04-2013] O salón de plenos do Concello de Ames acolleu a reunión de organización da comisión de seguimento do saneamento e abastecemento. O obxectivo desta comisión, convocada polo Goberno municipal o pasado luns, é abordar o contrato deste servizo, cuxo período de prestación remata este ano, de cara a sacalo a licitación. Neste marco, preténdese facer un estudo detallado e unha análise pormenorizada da opción máis favorable para os intereses municipais.
Na reunión participaron membros do Goberno municipal, representantes do grupo socialista e dos concelleiros non adscritos. Ademais, estiveron presentes o interventor e a secretaria municipal. No encontro, facilitouselles aos asistentes información do estado actual do servizo de abastecemento e saneamento, así como unha copia do actual contrato. Ademais, trasladóuselles aos asistentes que xa se viñeron realizando reunións técnicas para abordar o contrato e para elaborar un documento para levar á comisión, requiríndolle información á empresa concesionaria. Unha vez elaborado este documento, trasladaráselles aos membros da comisión de cara ao seu estudo e ao establecemento dunha nova reunión da comisión.
Esta reunión previa seguiu o mesmo esquema que a comisión de desafiuzamentos, que foi celebrada a semana pasada. O obxectivo é organizar os traballos que se levarán a cabo coa licitación do novo contrato de abastecemento e saneamento. Trátase dun encontro que xa estaba convocado con anterioridade á presentación, por vía de urxencia, dunha moción no pleno ordinario celebrado este luns.
O servizo de abastecemento e saneamento municipal estase prestando pola empresa concesionaria Espina y Delfín mediante un contrato asinado en setembro de 1998 e que ten unha vixencia de 15 anos, rematando neste 2013. O Goberno amiense é consciente da vital importancia deste servizo, por afectar a todos e cada un dos veciños e veciñas do Concello de Ames e referirse a unha prestación de carácter obrigatorio, intimamente ligada á vida diaria dos cidadáns. Ademais, esta concesión representa o contrato máis importante desde o punto de vista económico dos que actualmente mantén o Concello.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "No adscritos, PSOE y PP trabajan en renovar el servicio del agua en Ames"




