Pestanas principais

O concello de Ames acolle o primeiro curso de técnico de compostaxe descentralizada que imparte ADEGA

Xoves, 28 de abril de 2022

A Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente informa de que a Asociación Ecoloxista ADEGA abre o prazo de inscrición para o seu primeiro ciclo formativo en mestría en compostaxe en 2022, denominado “Curso Técnico de Compostaxe Descentralizada”, que terá lugar do 9 de maio ao 7 de xuño nas instalacións da Aula da Natureza do concello de Ames, situada no lugar de Quintáns, na Ameixenda. O curso está financiado pola Fundación Biodiversidade e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Empleaverde para 2021. A formación será totalmente de balde e destinada a persoas desempregadas, que optarán a unha bolsa de traballo. Trátase dunha acción gratuíta cofinanciada polo FSE e a través da cal se pretende conseguir unha formación e un emprego de calidade.

O obxectivo principal deste curso é formar a persoas desempregadas para que acaden a necesaria capacitación e coñecemento para exercer como profesionais nos diferentes procesos e técnicas de compostaxe dos residuos sólidos urbanos. Algunhas das destrezas que os e as participantes acadarán ao rematar o curso teñen a ver con saber determinar a calidade do compost e o seu ámbito de aplicación ou co manexo dos composteiros domésticos e de áreas de compostaxe comunitarias.

Este proxecto está financiado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Programa Empleaverde, iniciativa dirixida ao impulso e a mellora do emprego, o emprendemento e o medio ambiente, e cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo Emprego, Formación e Educación 2014-2020.

Mestrado de compostaxe: emprego verde e de futuro
ADEGA leva máis de 20 anos traballando a prol da reciclaxe dos residuos orgánicos, unha estratexia fundamental para revalorizalos, transformándoos en abono orgánico a través da compostaxe. Estes residuos orgánicos volven aos solos como fonte de carbono e nutrientes esenciais para a fertilidade, pechando así o ciclo da materia orgánica. Ademais, redúcese as emisións á atmosfera derivadas do transporte do lixo e a contaminación producida polo uso de fertilizantes químicos.

A compostaxe, actualmente e no futuro, é unha nova fonte de emprego verde que cada vez terá máis demanda no mercado laboral, dada a necesidade dos estados membros da UE de cumprir cos obxectivos comunitarios en materia de residuos, os cales só se poderán acadar baixo unha adecuada e sustentable xestión dos residuos orgánicos xerados. Por tanto, para ADEGA, capacitar e formar a persoas como mestras de compostaxe descentralizada é unha prioridade, ao tempo, que se fomenta a creación de emprego e se facilita a inserción laboral das persoas desempregradas en ámbitos de economía verde con futuro.

Inscrición ata o 4 de maio
O curso técnico de compostaxe descentralizada que se desenvolverá no concello de Ames será o primeiro dos catro ciclos formativos que ADEGA pretende executar ao longo do ano 2022. O período de formación deste primeiro curso en mestría de compostaxe de ADEGA comezará o 9 de maio e rematará o 7 de xuño. A formación completa consta de 100 horas presenciais e os contidos teórico-prácticos impartiranse de luns a venres en horario de 09:00h a 14:00h na Aula da Natureza de Ames. Para facilitar o desprazamento das persoas participantes á Aula da Natureza, o concello de Ames porá a disposición un autobús gratuíto, con parada no Milladoiro e Bertamiráns.

Esta formación está destinada a persoas desempregadas e será totalmente de balde para o alumnado. Dado que as prazas son limitadas, é posible que haxa que facer unha selección previa das solicitudes, polo que se recomenda que as persoas interesadas en formalizar a solicitude de inscrición o fagan o antes posible e sempre antes do día 4 de maio ás 14:00 horas, no seguinte formulario de inscrición.

Ao finalizar o curso, as persoas participantes que o superen recibirán un certificado de mestría en compostaxe emitido pola entidade estatal Composta en Red, así como o asesoramento e a orientación oportuna na procura de emprego que facilite a súa inserción laboral. Ademais, poderán optar a unha bolsa de traballo. Tamén poden solicitar información a través do correo electrónico compostaxe@adega.gal ou chamando ao número de teléfono 628 378 804.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Adega formará a desempleados como maestros del compostaje"

Cartaz do primeiro curso de técnico de compostaxe descentralizada do ano 2022

Multimedia

  • Cartaz do primeiro curso de técnico de compostaxe descentralizada do ano 2022