[10-08-2016] A Nova Escola Galega, coa colaboración do Concello de Ames, organiza a finais do vindeiro mes de setembro as I Xornadas sobre Coeducación Rural, Ecofeminismos e Diversidades. O prazo para solicitar unha das 110 prazas ofertadas xa está aberto, e aquelas persoas que se matriculen antes do 3 se setembro pagarán un prezo reducido. As xornadas impartiranas os membros da NEG Isabel Álvarez e Ángel Amaro González.
As I Xornadas sobre Coeducación Rural, Ecofeminismos e Diversidades desenvolveranse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, os días venres, 30 de setembro, sábado 1 de outubro e domingo 2 de outubro. Ao longo destes tres días as persoas asistentes profundarán nas distintas formas de violencias de xénero, as agresións no medio rural; coñecerán a importancia que teñen na dimensión individual, grupal e comunitaria factores como o xénero, as estéticas ou a orientación sexual. O público aprenderá e debaterá sobre os procesos de vulnerabilización, estigmatización e cousificación da diversidade afectivo-sexual nos contornos rurais. A duración do curso é de 20 horas e ao seu remate entregarase un diploma acreditativo da NEG.
O contido das xornadas dividirase en catro bloques: “Diversidades afectivas, familiares, sexuais e amatorias”, “Máis alá da educación urbana: o ecofeminismo entra nas aulas”, “Violencias baseadas no Xénero” e “Novas propostas teórico-prácticas para dinamizar a pedagoxía emancipatoria no rural”. A tarde do derradeiro día das xornadas, o domingo 2 de agosto, adicarase a debater e poñer en conxunto todo o aprendido e falado ao longo dos tres días. A metodoloxía das aulas estará baseada nos principios da aprendizaxe cooperativa; farase uso de ferramentas coma o vídeofórum, os grupos de discusión ou a adopción de roles (role-playing). Tanto Isabel Álvarez como Ángel Amaro González; a primeira licenciada en Tradución e Interpretación e o segundo en socioloxía, teñen experiencia impartindo obradoiros e aulas relacionados coa formación afectivo-sexual, os feminismos, o ecofeminismo ou na formación doutros educadores e educadoras.
Estas xornadas están dirixidas tanto a profesorado, educadores e educadoras, docentes no eido non formal ou animadoras e animadores sociais, como ao estudantado de socioloxía, traballo social, maxisterio ou educación social, ou aquelas persoas vinculadas a asociacións culturais e LGTBIQ. Aquelas persoas interesadas en participar deberán reservar a súa praza, cubrir o formulario de inscrición que se lles facilitará e envialo axuntando o xustificante do pagamento da matrícula. Antes do 4 de setembro o prezo será de 45 euros para a matrícula ordinaria, 25 euros para persoas desempregadas e estudantado e de 15 para as membros da NEG. A partir desta data o prezo dos tres tipos de matrículas incrementaranse en cinco euros. Pódese solicitar máis información enviando un correo electrónico ao enderezo neg@neg.gal ou na páxina web da Nova Escola Galega.
Contido relacionado
El Correo Gallego:"Coeducación rural coa Nova Escola Galega na Peregrina"