[12-01-2013] Ames segue a sumar habitantes un ano máis e continúa esquivando a crise demográfica que rexistran os concellos galegos, logo de pechar o 2012 cun total de 29.819 persoas censadas, segundo os datos provisionais que manexa o Concello. No último ano, rexistráronse 420 altas no censo municipal. Ademais, contabilizáronse preto de 300 nacementos.
Deste xeito, e nun momento no que a maioría dos concellos galegos están a perder poboación, Ames segue medrando e sumando habitantes. O municipio consegue esquivar a crise demográfica e achégase cada vez máis á cifra de 30.000 habitantes, unha barreira que en Galicia só superan as sete principais cidades e os concellos de Carballo, Arteixo, Oleiros, Narón, Vilagarcía de Arousa e Redondela. Con todo, Ames non é alleo a fenómenos como o descenso no número de inmigrantes, conseguindo, aínda así, seguir medrando en poboación.
O municipio amiense segue a ser un dos que máis medra, contando ademais cunha porcentaxe de poboación nova moi alta. A finais de 2012, residían en Bertamiráns e Milladoiro 20.089 persoas. Analizando os datos por localidades, Milladoiro segue á cabeza cun total de 12.086 habitantes censados. Mentres, en Bertamiráns están censadas 8.003 persoas. Os 9.730 habitantes restantes distribúense entre as urbanizacións e zonas rurais do concello. En canto a sexos, pódese dicir que en Ames hai unha certa paridade. En total, hai 14.438 homes, o que representa o 48,40% da poboación, mentres que as mulleres son un total de 15.381 e representan o 51,58%.
As cifras do censo municipal amosan de novo que Ames segue a ser un concello con poboación nova, xa que o rango de idade máis numeroso é o que abrangue entre os 20 e os 49 anos, cun total de 15.398 persoas censadas, o que supón máis do 51% da poboación amiense.
Outra parte importante da poboación amiense constitúena os máis pequenos da familia. Deste xeito, na franxa de idade que abrangue entre os 0 e os 19 anos rexistráronse en 2012 un total de 6.787 persoas censadas, o que representa o 22% do total.
Na franxa que vai dos 50 aos 69 anos hai 5.511 persoas censadas, mentres que a partir dos 70 anos a cifra de habitantes baixa ata os 2.123. Como curiosidade, as cifras revelan que no concello de Ames hai censadas dúas persoas centenarias.
Nas últimas décadas, Ames situouse como un dos concellos galegos máis puxantes, gañando máis de 16.500 habitantes desde 1996. Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estadística (INE), hai dez anos, en xaneiro de 2003, o número de habitantes en Ames ascendía a 20.016. Nunha década esta cifra incrementouse nun 48,9%, o que supón unha boa mostra da rápida progresion demográfica experimentada no municipio amiense.
O Concello fai fincapé na importancia de que Ames siga crecendo ano a ano, rexistrando novas incorporacións no padrón municipal pese á actual crise demográfica. O Goberno amiense considera que este incremento demográfico constante debe levar aparellado un maior apoio das diferentes institucións co obxectivo de mellorar os servizos que se ofrecen á poboación.





