[13-01-2016] O Concello de Ames comezará de forma inminente as obras de finalización do cemiterio de Batáns. O Goberno municipal acondicionará o cemiterio a través dun plan provincia que lle permitirá financiar o remate das obras e a súa posta en funcionamento, prevista para antes do remate do primeiro semestre de 2016.
Nun dos puntos do acordo de investidura do actual goberno municipal, este comprometíase a iniciar os trámites para a posta en funcionamento do cemiterio municipal dos Batáns, situado na parroquia de Ortoño. O camposanto non recibe coidados dende 2011 e os seus edificios atópanse en grave estado de deterioro. A través dunha subvención concedida pola administración provincial, adxudicada no marco do Plan de Aforro e Investimento, o Concello destinará 333.250 euros, o 75% do importe total recibido, ás obras de saneamento e acondicionamento do cemiterio.
En xullo de 2015 o alcalde de Ames, José Miñones, e o Concelleiro de Obras e Servizos Públicos, Blas García, visitaran o terreo do lugar de Batáns onde se atopa o cemiterio. Posteriormente, reuniríanse co arquitecto Paulino Sánchez que, no seu momento, deseñara os planos da obra. Sánchez realizou o recoñecemento dos danos e estimou en aproximadamente medio millón de euros o importe necesario para o seu acondicionamento.
Este mes de xaneiro ao municipio amesán foille concedida unha subvención de 447.000 euros da partida total concedida pola Deputación da Coruña aos Concellos da provincia. O Plan de Aforro e Investimento da Deputación deseñouse para contribuír a amortizar as débedas públicas municipais e cofinanciar as obras públicas. O Concello de Ames distribuirá a axuda en dúas partidas: unha destinada á devolución dun crédito a provedores do Concello e outra a financiar as obras do cemiterio. A súa posta en marcha é urxente, debido a que canto maior sexa o prazo de agarda peor será o estado do camposanto.
O alcalde de Ames José Miñones afirma que coa conclusión desta obra se "pon remate a un longo periodo de espera pola posta en funcionamento dunha obra moi necesaria para o municipio", e explica que as tres cuartas partes da subvención provincial, 333.250 euros, serán invertidos no arranxo e mellora das instalacións do cemiterio e rematar esta obra. A esta partida engadiu o Concello fondos propios, 4861 euros, para o desbroce e as tarefas de xardinería que xa se realizaron nos terreos do lugar de Batáns.
Da axuda da Deputación destinaranse 11.500 euros para o saneamento xeral das instalacións, 1.500 euros para o abastecemento de auga, 148.000 euros para os solados, 50.000 para a construción e arranxo dos panteóns, 44.800 euros para a rehabilitación dos edificios, 6.650 para a instalación de cerraxería exterior, 37.400 euros para a acometida eléctrica e o alumeado exterior, 5.400 euros para a adquisición de mobiliario e, finalmente, 15.600 euros para a administración do cemiterio municipal.
En paralelo á posta en funcionamento do camposanto dos Batáns o Concello de Ames estuda a contrución dun tanatorio-crematorio nos terreos do cemiterio. "A intención do goberno municipal é a de concentrar no entorno dos Batáns toda a zona vinculada cos servizos funerarios, aínda que o proxecto do tanatorio-crematorio desenvolverase a medio, xa que a prioridade absoluta é a posta en funcionamento do cemiterio"
Contido relacionado

El Correo Gallego:"Comienzan las obras para abrir el camposanto de Os Batáns antes del verano"
La Voz de Galicia:"Ames destina 340.000 euros a terminar las obras del cementerio municipal"




