[21-09-2016] O Concello de Ames está realizando unha auditoría interna para avaliar o grao de cumprimento das novas normativas en transparencia. Para iso o goberno municipal asinou un acordo coa Universidade de Santiago de Compostela de cara a estudar a implantación da política de transparencia na Administración local. O pasado venres realizouse unha charla impartida por Daniel Neira do grupo PSICOM da USC e na que se abordaron os cumprimentos legais da lei estatal de transparencia. Na vindeira semana o Concello comezará un sistema de autoavaliación, que testará o estado actual do ente local nesta materia. O goberno municipal agarda poder ter os resultados e mailo informe final no mes de outubro para comezar a determinar as accións que se van executar.
O venres pasado, o persoal municipal participou nunha charla sobre a transparencia nas Administracións locais. En dita charla, que foi impartida por Daniel Neira do grupo PSICOM da USC, os traballadores/as participantes tiveron a ocasión de ver a situación legal actual en referencia aos cumprimentos da lei estatal de transparencia e os seus condicionantes, así como coñecer máis en detalle que se persegue con dita normativa, xunto cos sistemas de avaliación existentes. Preto de 50 traballadores/as acercáronse ao salón de plenos a interesarse pola aplicación desta normativa e as implicacións que terá no futuro para o traballo diario da Administración.
Na vindeira semana o Concello comezará un sistema de autoavaliación que testará o estado actual do ente local. Trátase dunha segunda fase que consiste na autoavaliación do Concello a partir da ferramenta de autodiagnóstico da USC coa que hai asinado un convenio de colaboración. Este procedemento consistirá en que todos aqueles traballadores e traballadoras que voluntariamente queiran participar no proceso deberán anotarse para ser avaliadores do estado actual do Concello de Ames e así dar a coñecer os puntos febles e fortes do actual portal de transparencia que ten o Concello activado.
Ás persoas interesadas daráselles de alta na ferramenta online cun nome de usuario e contrasinal e farase unha reunión cos responsables do grupo PSICOM para ensinarlles o uso da aplicación, para que no período de dúas semanas vaian facendo o test de avaliación de xeito online. Non será preciso ter coñecementos previos de ningún tipo (contratación, secretaría, obras, etc) estando aberto a todo o persoal do Concello a posibilidade de participar. Ademais os test realizados serán anónimos para o Concello tendo só o persoal da USC acceso aos cuestionarios realizados.
Sistema de autoavaliación aberto á cidadanía
Ademais, o Concello abrirá á cidadanía a posibilidade de formar parte deste sistema de autoavaliación para así alcanzar un maior detalle da información que despois será xestionada polos expertos da USC. Para poder formar parte do proceso de avaliación aquelas persoas que o desexen deberán enviar un correo electrónico ao enderezo gabinete@concellodeames.gal trasladando o seu nome e apelidos, idade e profesión. Entre todas as solicitudes o grupo PSICOM elixirá unha representación de avaliadores cos que se porá en contacto para darlles acceso aos elixidos á ferramenta de avaliación, que se deberá realizar nas dúas semanas seguintes.
Con este proceso participativo o goberno quere coñecer o grado de coñecemento que a cidadanía ten sobre o portal de transparencia actual, así como testar o acceso á información que posúe a cidadanía de Ames. O Concello agarda poder ter os resultados e mailo informe final no mes de outubro para comezar a determinar as accións que van executar. O obxectivo final do goberno é conseguir implantar a cultura da transparencia en Ames, así como ir mais alá do cumprimento da normativa cun selo de garantía.
Coa realización desta segunda fase o Concello segue a avanzar no obxectivo de implantar a cultura da transparencia e conseguir así trasladar de xeito efectivo e directo toda a información pública. O departamento da USC elaborará un informe final que remitirá ao Concello para coñecer exactamente os puntos fortes e débiles actuais e as melloras a realizar para encamiñarse cara unha transparencia activa do Concello de Ames.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "El Concello abordará una auditoría interna para saber si es transparente"
La Voz de Galicia: "El Concello aplica la autoevaluación en materia de transparencia"




