Pestanas principais

O Concello de Ames abre o prazo para solicitar unha horta urbana en Bertamiráns

Xoves, 26 de setembro de 2013

[26-09-2013] Durante o mes de setembro póñense en marcha as hortas urbanas, sostibles e solidarias que o Concello de Ames pon a disposición da veciñanza para realizar cultivos hortícolas de xeito sostible e solidario. Está aberto o prazo para que todos aqueles veciños/as de Ames interesados/as en poder contar cunha horta urbana en Bertamiráns poidan presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello no Milladoiro e Bertamiráns. O prazo estará aberto ata o vindeiro 2 de outubro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter máis información sobre esta iniciativa e os impresos de solicitude.

En total, poñeranse a disposición nesta convocatoria 34 parcelas cunha superficie media de 35 metros cadrados que están ubicadas no parque municipal do rego do Ameneiral. As parcelas adxudicaranse por prazo dun ano prorrogable por outros doce meses. A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, explica que “aínda que o acceso ás hortas está aberto a todos os veciños de Ames, debido ao fin social e solidario das mesmas reservaranse un 14% das parcelas para casos de emerxencia social informados polos Servizos Sociais do Concello e outro 14% para persoas maiores de 65 anos”.

Unha vez presentadas as solicitudes, serán avaliadas por unha comisión e crearase unha lista provisional que será sometida a exposición pública a efectos de alegacións por un prazo de 10 días hábiles. Finalizado este prazo, será elaborada unha lista definitiva na que se indicará, de ser o caso, hora, lugar e día para a realización do sorteo de adxudicación das hortas. 

A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, destaca que “as persoas que resulten adxudicatarias das hortas deberán asistir ao curso de formación sobre prácticas sostibles nas hortas urbanas que será impartido polo Concello e, ademais, seguirán o manual de boas prácticas de agricultura sostible que lles será facilitado”. Haberá préstamo de utensilios e ferramentas por parte do Concello de Ames e levarase a cabo un seguimento destas hortas, creando unha comisión de seguimento.

Coa posta a disposición dos espazos hortícolas preténdese que a poboación adopte unha actitude activa na ocupación do seu tempo libre e de ocio. Trátase de facilitar a intervención de cidadáns no desenvolvemento sostible, facilitar a relación de coexistencia xeracional entre os veciños/as, e así mesmo, unha contribución ás economías familiares que se vén favorecidas polos cultivos de autoconsumo.

Documentación necesaria
Os impresos de solicitude, a documentación que se deberá achegar e toda a información necesaria para participar neste proceso poderá solicitarse no departamento de Medio Ambiente do Concello de Ames a través do teléfono 660004665 ou do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org. Tamén poderá descargarse da páxina web municipal: www.concellodeames.org. Nas solicitudes deberá indicarse se se opta por algunha das tres modalidades: maior de 65 anos, emerxencia social e libre.

Xunto coa instancia de solicitude de autorización do uso dunha parcela, as persoas interesadas en contar cunha horta urbana municipal deberán presentar, entre outra documentación, a declaración xurada de compromiso de coidado e mantemento da horta conforme ao exposto na ordenanza reguladora do funcionamento de hortas urbanas municipais sostibles e solidarias do Concello de Ames.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames retoma el proyecto de su primera huerta urbana"