Pestanas principais

O Concello de Ames abre o prazo para que as familias amienses participen no programa Vacacións en Paz

Domingo, 18 de novembro de 2012

[18-11-2012] O Concello de Ames colabora un ano máis co programa Vacacións en paz, que leva a cabo a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). A través deste programa as familias de Ames poden acoller durante os meses do verán a nenos e nenas saharauís que viven unha situación moi difícil nos campamentos de refuxiados de Tindouf, en Alxeria. O Concello de Ames acollerá a tres rapaces que pasarán as vacacións con familias do noso concello. Ata de agora, dous nenos/as xa teñen unha familia de acollida polo que resta un neno/a que precisa dunha familia para pasar unhas vacacións nun ambiente tranquilo e de diversión. As familias amienses que estean interesadas en participar nesta campaña acollendo un neno/a durante os meses de xullo e agosto teñen que chamar ao número de teléfono 663 616 849.

O Concello de Ames colabora un ano máis co programa Vacacións en paz, que leva a cabo a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Este programa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauís. Trátase de ofrecerlles a estes cativos, que naceron nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa, a súa formación.

Dende a concellería de Servizos Sociais, a través do Servizo de Atención ao Migrante (SAMI), están levando a cabo unha campaña de información para que as familias amiense se adhiran ao programa Vacacións en Paz. As persoas interesadas en acoller un neno/a saharauí durante os meses estivais deben poñerse en contacto co Concello de Ames chamando ao número de teléfono 663 616 849. A Concellaría de Servizos Sociais é a encargada de organizar o programa de Vacacións en paz en Ames. Este departamento informa ás persoas interesadas, tramita as solicitudes e asegura unha estadía agradable dos cativos no noso Concello.

O vindeiro ano o Concello de Ames acollerá a tres nenos e nenas do Sáhara a través desta campaña posta en marcha pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. O Concello actúa de mediador entre as familias amienses e esta asociación para xestionar a estadía dos nenos/as saharauís en Ames. A Administración local encargase de pagar o billete de avión (ida e volta) de cada neno/a que ten un custo de 890 euros. Polo tanto, o Concello de Ames achegará un total de 2.670 euros para o programa Vacacións en Paz 2012.

Ata o de agora hai unha familia que repite a experiencia e volve a acoller un neno/a saharauí durante os meses de xullo e agosto. Ademais, unha nova familia xa se adheriu a esta campaña e o próximo verán acollerá por primeira vez a un neno/a do Sáhara. As familias interesadas deben poñerse en contacto co departamento de Servizos Sociais porque hai un neno/a que aínda non ten familia de acollida. O único requisito para poder participar neste programa é facerse socio da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. O custo que supón ser socio desta asociación é de 20 euros mensuais.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames abre o prazo para que as familias amienses participen no programa Vacacións en Paz"