Pestanas principais

O Concello de Ames abre o prazo para preinscribirse ou renovar praza nos servizos complementarios municipais

Xoves, 27 de febreiro de 2014

[27-02-2014] O Concello de Ames abre o prazo para que os usuarios/as dos servizos complementarios poidan preinscribirse ou renovar praza para o curso 2014-2015 na Rede de comedores escolares e nos programas Bos días cole e Tardes divertidas. As preinscricións e renovacións de praza poderán realizarse entre o 1 e o 31 de marzo. Os interesados poden realizar a tramitación administrativa das súas solicitudes a través do portal www.conciliames.org, o sistema on line habilitado polo Concello de Ames co obxectivo de facer a xestión máis sinxela. Para facer esta operación tan só é preciso entrar na web municipal e premer no banner que está na cabeceira da web ou na marxe dereita do portal municipal. Unha vez feita a preinscrición ou renovación haberá que imprimir un resgardo que se entregará no Rexistro Municipal. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as instrucións para os procesos de renovación e preinscrición nos servizos complementarios.

O Concello de Ames abre o prazo de preinscrición e renovación de praza para os servizos complementarios, que engloban a Rede de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas, para todos aqueles pais e nais que desexen seguir beneficiándose destes programas no próximo curso escolar 2014-2015. A tramitación das preinscricions e da renovación pódese realizar a través dun servizo on line ao cal se pode acceder a través da páxina web www.conciliames.org. Tamén se pode entrar na páxina web municipal www.concellodeames.org e premer no banner Conciliames, que está na cabeceira da web ou na marxe dereita do portal web municipal. O prazo para poder facer estas xestións estará aberto entre o 1 e o 31 de marzo. Posteriormente, abrirase un prazo para formalizar a matrícula de cara ao vindeiro curso.

O sistema de renovación e preinscrición on line para os servizos complementarios é o mesmo que se empregou os dous últimos anos. As persoas que xa empregaron este servizo anteriormente non teñen que volver a darse de alta. Os novos usuarios/as deben premer na ligazón de crear conta. Despois xa se poderá iniciar sesión para facer as xestións que se estimen oportunas. Unha vez feita a preinscrición haberá que imprimir un resgardo que se entregará no Rexistro Xeral do Concello, no Rexistro do departamento de Educación (no Pazo da Peregrina) ou na oficina municipal do Milladoiro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Os usuarios/as que renoven a súa praza deberán entregar o resgardo acompañado do xustificante de pago de taxas. As persoas que non poidan achegarse ata o Rexistro Municipal pola semana deben saber que o Rexistro Xeral do Concello abre os sábados polas mañás, en horario de 9:00 h a 14:00 horas.

Ademais, entrando na páxina web de Conciliames os usuarios/as dispoñen dun simulador de cotas. Introducindo os datos que se solicitan os veciños/as amiense poderán saber que cota terán que pagar por ser usuarios/as de calquera dos servizos complementarios.

As persoas que non dispoñan das ferramentas informáticas necesarias para poder facer esta xestión de forma on line terán a súa disposición ao persoal do departamento municipal de Educación. Deberán achegarse ata o departamento de Educación situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ou ás oficinas municipais do Milladoiro. Alí o persoal municipal realizará estes trámites por eles de forma telemática.

Os usuarios/as que desexen obter praza por primeira vez terán que realizar a correspondente preinscrición, mentres que os que xa estean de alta nestes servizos actualmente poderán renovar a súa praza. No caso de non realizar a renovación no período de tempo estipulado perderase a praza. O mesmo acontece se teñen algunha débeda pendente co Concello de Ames.

Servizos complementarios
Estes servizos, teñen como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. O servizo da Rede de comedores escolares, do que na actualidade se benefician un total de 1.085 nenos/as, está dirixido ao alumnado de infantil e primaria, funcionando actualmente no CEIP A Maía, no CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro. Con este programa realízase por unha parte un servizo público, facilitando aos cidadáns a conciliación da vida laboral e familiar e por outra, un proxecto educativo no que o obxectivo é que o alumnado aprenda hábitos alimentario sans e un correcto comportamento na mesa, así como as normas básicas de hixiene, respecto, tolerancia, convivencia e educación en igualdade.

Os programas Bos días cole e Tardes divertidas desenvólvese tamén en cinco centros educativos como son o CEIP A Maía, o CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na EEI Milladoiro. Ambos os dous programas están dirixidos ao alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil e Primaria. Actualmente no Bos días cole participan 235 usuarios/as, mentres que no programa Tardes divertidas participan un total de 130 usuarios.

Para máis información pódese poñer en contacto co departamento de Educación en Bertamiráns chamando ao teléfono 981 891 476.