[09-04-2013] O Concello de Ames abrirá mañá o prazo para que os usuarios/as dos servizos complementarios poidan preinscribirse ou renovar praza para o curso 2013-2014 na rede de comedores escolares e nos programas Bos días cole e Tardes divertidas. O período para levar a cabo esta preinscrición e renovación de praza rematará o vindeiro 10 de maio. Por segundo ano, os interesados poden realizar a tramitación administrativa das súas solicitudes a través do portal www.conciliames.org, o sistema on line habilitado polo Concello de Ames co obxectivo de facer a xestión máis sinxela. Para facer esta operación tan só é preciso entrar na web municipal e premer no banner que está na cabeceira do portal municipal. Unha vez feita a preinscrición ou renovación haberá que imprimir un resgardo que se entregará no Rexistro Municipal.
As persoas que non dispoñan das ferramentas informáticas necesarias para poder facer esta xestión de forma on line terán a súa disposición ao persoal do departamento municipal de Educación. Deberán achegarse ata o Departamento de educación situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ou ás oficinas municipais do Milladoiro. Alí o persoal municipal realizará estes trámites por eles de forma telemática.
O Concello de Ames abre o prazo de preinscrición e renovación para os servizos complementarios, que engloban a rede de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas para todos aqueles pais e nais que desexen seguir beneficiándose destes programas no próximo curso escolar 2013-2014. Este ano, por segunda vez, o goberno municipal habilita un servizo on line para poder facer as xestións de preinscrición e renovación nos servizos complementarios. O prazo para poder facer estas xestións estará aberto entre o 10 de abril e o 10 de maio. Posteriormente, a partir de mediados do mes de xuño abrirase o prazo para formalizar a matrícula de cara ao vindeiro curso.
O sistema de renovación e preinscrición on line para os servizos complementarios estará operativo o día 10 de abril coincidindo co inicio do prazo que se establece para realizar estas xestións administrativas. Para poder acceder ao sistema telemático os usuarios/as teñen que premer no banner colocado na cabeceira da web municipal. Ao premer neste banner entrarán noutra páxina web onde poderán realizar todas as operación de renovación e preinscrición. As persoas que xa empregaran esta canle o pasado ano non teñen que volver a darse de alta. Os novos usuarios deben premer na ligazón de crear conta. Despois xa se poderá iniciar sesión para facer as xestións que se estimen oportunas. Unha vez feita a preinscrición ou renovación haberá que imprimir un resgardo que se entregará no Rexistro Municipal xunto co xustificante de pago de taxas no caso de renovación de praza. As persoas que non poidan achegarse pola semana ata a Casa do Concello deben saber que o Rexistro Municipal abre os sábados polas mañás, en horario de 9:00 h a 14:00 horas.
Ademais, entrando nesta páxina web os usuarios/as dispoñen dun simulador de cotas. Introducindo os datos que se solicitan os veciños/as amiense poderán saber que cota terán que pagar por ser usuarios/as de calquera dos servizos complementarios.
Os usuarios/as que desexen obter praza por primeira vez terán que realizar a correspondente preinscrición, mentres que os que xa estean de alta nestes servizos actualmente poderán renovar a súa praza. No caso de non realizar a renovación no período de tempo estipulado perderase a praza. O mesmo acontece se teñen algunha débeda pendente co Concello de Ames.
Servizos complementarios
Estes servizos, teñen como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. O servizo da rede de comedores escolares, do que na actualidade se benefician un total de 1.031 nenos/as, está dirixido ao alumnado de infantil e primaria, funcionando actualmente no CEIP A Maía, no CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro. Con este programa realízase por unha parte un servizo público, facilitando aos cidadáns a conciliación da vida laboral e familiar e por outra, un proxecto educativo no que o obxectivo é que o alumnado aprenda hábitos alimentario sans e un correcto comportamento na mesa, así como as normas básicas de hixiene, respecto, tolerancia, convivencia e educación en igualdade.
Os programas Bos Días Cole e Tardes divertidas desenvólvese tamén en cinco centros educativos como son o CEIP A Maía, o CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na EEI Milladoiro. Ambos os dous programas están dirixidos ao alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil e Primaria. Actualmente no Bos Días Cole participan 214 usuarios/as, mentres que no programa Tardes Divertidas participan un total de 111 usuarios.
Para máis información pódese poñer en contacto co departamento de Educación en Bertamiráns chamando ao teléfono 981 891 476.





