[09-03-2015] O Certame Literario de narrativa e poesía, que convoca de forma anual o Concello de Ames, chega a súa décimo segunda edición. Trátase dun concurso que conta cun amplo número de participantes de todo o territorio galego e mesmo de fóra de Galicia. Poderá participar calquera persoa que presente textos inéditos escritos en lingua galega. O prazo de recepción dos traballos remata o 11 de abril. Ademais, convócase a sétima edición do Certame artístico-literario “Intercentros” para o alumnado amesá. Neste caso o prazo para presentar os traballos estará aberto ata o 13 de abril.
O Certame Literario Concello de Ames xa se converteu nun concurso de referencia dentro do mundo da poesía e a narrativa de Galicia. Dirixido a todos os amantes da literatura, sexa cal sexa a súa procedencia, este concurso é un referente para os novos creadores e creadoras, e supón unha boa oportunidade para aquelas persoas que desexen poñer en práctica a súa capacidade para crear e medir os límites da súa imaxinación.
Tanto para a modalidade de narrativa como para a de poesía establécense tres categorías. Os nenos e nenas que teñan ata 13 anos poderán participar na primeira categoría, mentres que a segunda está dirixida a rapaces e rapazas de 14 a 17 anos e a terceira ás persoas de 18 anos ou máis. Haberá tres premios en metálico que serán de 150 euros, 120 euros e 90 euros na primeira categoría, 180 euros, 150 euros e 120 euros na segunda e 260 euros, 210 euros e 180 euros na terceira.
Os gañadores anunciarase publicamente o 11 de maio e os premios entregaranse o mércores, 13 de maio, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro. Ademais destes premios en metálico, os gañadores verán publicados os seus textos nun libro colectivo que recompila os traballos que foron premiados en cada edición.
O prazo de presentación dos traballos finaliza o 11 de abril
Todas as persoas que desexen participar no certame deberán enviar ata o 11 de abril (incluído) catro exemplares do seu texto, en folios mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra 12 ao enderezo: Concello de Ames (Servizo de Normalización Lingüística), Avenida de Azcárraga número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña. A extensión pode oscilar das 2 ás 6 páxinas en narrativa e dos 20 aos 50 versos en poesía. O tema é libre e só se poderá presentar un traballo por persoa en cada unha das modalidades.
Outro dos puntos importantes recollidos nas bases do certame advirte que nos textos non poderán aparecer os datos persoais do autor ou autora nin a súa sinatura. Así, en cada un dos catro exemplares enviados terá que figurar a modalidade na que participa (narrativa ou poesía), a categoría (1ª, 2ª ou 3ª) e o pseudónimo do autor ou autora. Para máis información poden chamar ao número de teléfono 981 884 991 ou enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.org.
VII Certame artístico-literario “Intercentros”
Por outra parte, o Concello de Ames convocou a sétima edición do certame artístico-literario “Intercentros” dirixido ao alumnado amesá. Neste certame poden participar escolares do segundo e do terceiro ciclo de primaria dos centros de ensino do Concello de Ames que presenten un texto ilustrado (conto ou poesía) escrito en lingua galega. Os traballos poderán presentarse de xeito individual ou por parellas. Nesta edición, a temática xirará arredor da importancia e da responsabilidade de termos unha lingua propia que nos identifica como galegos e galegas. O alumnado participante terá que presentar un texto ilustrado, en prosa ou en verso, protagonizado por unha nena ou un neno que un día, ao espertar, descobre que lle desapareceron as palabras.
O concurso consta de dúas categorías, con tres premios en cada unha. Na primeira categoría compiten nenos de 3º e 4º de primaria e na segunda, escolares de 5º e 6º de primaria. Os galardóns serán vales de 100, 80 ou 50 euros para a compra de material cultural ou didáctico nas librarías do Concello de Ames. O prazo para a presentación dos traballos remata o vindeiro día 13 de abril (incluído). Os premios tamén se entregarán o día, 13 de maio, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "O Concello convoca o XII Certame Literario de narrativa e poesía"




