Pestanas principais

O Concello de Ames abre o prazo para inscribirse nun curso teórico-práctico de Monitor de Tempo Libre

Xoves, 23 de febreiro de 2012

[23-02-2012] O Concello de Ames abre a partir de mañá venres día 24 de febreiro o prazo para inscribirse nun curso teórico-práctico de 350 horas lectivas que permitirá aos alumnos formarse como Monitor de Tempo Libre. Organizado pola Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, a parte teórica do curso (200 horas) desenvolverase entre o 16 de marzo e o 19 de maio no Centro de Usos Múltiples de Aldea Nova. A continuación, os alumnos deberán completar a súa formación cun período de prácticas (150 horas),  nun prazo máximo de dous anos. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases do curso de monitor de tempo libre e o impreso de inscrición.

Ata o 13 de marzo, os interesados poden formalizar a súa inscrición presencialmente na Oficina Municipal de Información Xuvenil en Bertamiráns (os luns, mércores, e xoves) ou no Punto de Información Xuvenil do Milladoiro (martes e venres). O número de prazas é limitado, ata un máximo de 25 alumnos, e a matrícula ten un custo de 250 euros. A inscrición realizarase por rigurosa orde de presentación da documentación (ficha de inscrición cumprimentada, unha fotografía recente, fotocopia do DNI e xustificante do primeiro pago da matrícula).

O Concello de Ames pretende contribuír á inserción laboral do seu alumnado a través dunha formación útil e versátil, que capacita para deseñar, programar e pór en práctica ou avaliar actividades para o tempo libre ou socioculturais, orientadas á infancia, á xuventude, ao maiores ou ás persoas con necesidades especiais. Os requisitos que deben cumprir os interesados en obter a titulación oficial de Monitor de Tempo Libre, documento que será expedido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado (co pagamento de 11 euros adicionais en concepto de taxas), é o de ser maiores de idade e contar co título de Educación Secundaria Obrigatoria ou equivalente. Os contidos do curso abarcan as seguintes áreas: bases psicosociolóxicas da educación no tempo libre, bases pedagóxicas de educación no tempo libre, técnicas e recursos de animación e lexislación vixente.

De xeito detallado, o Curso de Monitor de Tempo Libre comezará cunha parte teórica de 200 horas lectivas que se desenvolverán na aula, en liña e noutros espazos adaptados ao proceso de aprendizaxe. Abordaranse, por exemplo, técnicas de acampada e actividades deportivas. As datas de celebración son as seguintes: 16, 17, 23, 24, 30 e 31 de marzo; os días 2, 3, 4, 13, 14, 20, 21, 27, 28 do mes de abril; e o 4, 5, 11, 12, 17, 18 e 19 de maio.

A continuación, o alumno deberá realizar un período de prácticas de 150 horas lectivas baixo a tutela dun director ou responsable. Para completar esta segunda fase de formación, o alumno deberá deseñar previamente unha programación na que se contemplen os elementos básicos de toda intervención educativa e, ao remate, entregar unha memoria de elaboración propia e individual. As prácticas poderán realizarse de xeito intensivo, concentrándoas en 14 días de actividade (en bloques non inferiores a 3 días) ou cursando as 150 horas nunha entidade que traballe no eido da educación no tempo libre.

Os interesados en ampliar a información referida a este curso poden facelo poñéndose en contacto coa Oficina Municipal de Información Xuvenil de Ames a través dos teléfonos 981 884 964/616 083 229, o enderezo electrónico omix@concellodeames.org ou as redes sociais.