[29-04-2015] O Concello de Ames abre o prazo para participar no IX Día da Bici, unha cita que terá lugar o vindeiro 10 de maio en Bertamiráns. As inscricións, que son gratuítas, deberán realizarse antes das 14:00 horas do xoves 7 a través do teléfono 981 884 991 ou no correo deportes@concellodeames.org. Para participar é obrigatorio o uso do casco.
O Día da Bici é unha actividade que organizan a Asociación Galega de Ciclistas, o Club Ciclista de Ames, Os esfola arrós e o Ribeiras do Tambre BTT, en colaboración co Concello de Ames. Está pensada para que poida participar calquera persoa maior de 7 anos de idade. O percorrido, de 8 quilómetros, realizarase por primeira vez polas rúas de Bertamiráns. Os organizadores agardan xuntar unhas 250 persoas e indican que se trata dun itinerario fácil e de dificultade baixa, cunha duración máxima dunha hora.
Os ciclistas sairán ás 11:00 horas da praza da Horta de Arriba cara a Avenida da Peregrina e logo incorporaranse á estrada de Ortoño seguindo a vía que vai cara a aldea de Sisalde. Volverán dende a urbanización Agro do Muíño pola vía secundaria que vai paralela a Punxeiras Altas, ata chegar á meta, novamente na praza da Horta de Arriba. E antes, ás 10:00 horas, un grupo do Club Ciclista de Ames partirá dende a Casa da Cultura do Milladoiro cara a Bertamiráns.
Ademais, os nenos menores de 7 anos poderán participar nunha xincana e nun percorrido circular dun quilómetro polas rúas do Cómaro, Lodeiro, a Avenida J.L. Azcárraga e o Camiño Novo. Haberá tamén, ás 12:15 horas, unha clase de zumba en familia a cargo dos monitores do Centro Deportivo A Telleira.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Abierto el plazo para inscribirse en el Día da Bici de Ames del 10 de mayo"




