Pestanas principais

O Concello de Ames abre o prazo para inscribirse no curso homologado de monitor de tempo libre

Venres, 21 de febreiro de 2014

[21-02-2014] O Concello de Ames, a través da concellaría de Xuventude, organiza unha nova edición do curso de monitor de tempo libre que está homologado pola Xunta de Galicia. Este curso, que está organizado a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), consta de 350 horas teóricas e prácticas e desenvolverase durante os días festivos e as fins de semana dos meses de marzo, abril e maio no Centro de Formación de Aldea Nova. As inscricións realizaranse presentando a ficha de solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Ames. Hai dispoñibles como máximo 25 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Este curso ten un custo de 230 euros, que pode fraccionarse en tres pagos. Para as persoas desempregadas ou que posúan o Carné Xove terá un custo de 209 euros. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases do curso de monitor de tempo libre e o impreso de inscrición.

O curso de monitor de tempo libre é unha formación útil que abre moitas portas de cara á inserción laboral. Este título capacita para deseñar, programar e pór en práctica ou avaliar actividades para o tempo libre ou socioculturais, orientadas á infancia, á xuventude, aos maiores ou ás persoas con necesidades especiais. Os contidos deste curso abarcan áreas como psicoloxía, dinámicas de grupo, xogos no tempo libre, expresión, educación ambiental, saúde, lexislación, etc.

O curso de monitor de tempo libre desenvolverase dende o 22 de marzo ata o 18 de maio no Centro de Formación de Aldea Nova. As clases impartiranse os días 22, 23, 29 e 30 de marzo; o 5, 6, 12, 13, 17, 18, 19, 20, 26 e 27 de abril; e os días 3, 4, 10, 11, 17 e 18 de maio. As sesións teñen unha duración de 10 horas diarias en horario de 09.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, repartidas en festivos, sábados e domingos. Para desenvolver o curso será preciso contar cun mínimo de 20 alumnos e un máximo de 25. A inscrición realizarase por rigoroso orde de inscrición no Rexistro Xeral do Concello de Ames.

Para apuntarse nesta actividade haberá que entregar o impreso de inscrición debidamente cumprimentado, unha fotografía recente, unha fotocopia do DNI, unha fotocopia da titulación académica obtida (como mínimo requírese o título da ESO ou equivalente) e un xustificante bancario correspondente ao primeiro pagamento que hai que efectuar (no caso de fraccionar os pagos) ou do pago integro. O custo do curso é de 230 euros (pódese fraccionar o pagamento en tres prazos). No caso de persoas en situación de desemprego ou titulares do Carné Xove o prezo será de 209 euros, sendo preciso que no momento de inscrición se achegue unha fotocopia da situación de desemprego ou do Carné Xove.

Os requisitos que deben cumprir os interesados en obter a titulación oficial de monitor de tempo libre, documento que será expedido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado (co pagamento de 11 euros adicionais en concepto de taxas), é o de ser maiores de idade e contar co título de Educación Secundaria Obrigatoria ou equivalente.

Os interesados en ampliar a información referida a este curso poden facelo poñéndose en contacto coa Oficina Municipal de Información Xuvenil de Ames a través do teléfono 616 083 229 ou enviando un correo electrónico ao enderezo omix@concellodeames.org. Tamén poden contactar directamente coa Escola Rural de Tempo Libre a través do enderezo electrónico escolaruraltempolibre@gmail.com.

350 horas de formación teórica e práctica
O curso de monitor de tempo libre comezará cunha parte teórica de 200 horas lectivas que se impartirán no Centro de Formación de Aldea Nova. A continuación, o alumno deberá realizar un período de prácticas de 150 horas lectivas baixo a tutela dun director ou responsable. Previa á realización das prácticas, o alumnado deberá entregar un proxecto, coa programación das mesmas e onde figuren a maior parte dos datos posibles.

Ao remate das prácticas, o alumnado deberá entregar unha memoria de elaboración propia e individual, que conteña unha síntese de experiencia nas diferentes actividades, as valoracións particulares e xerais. As prácticas poderán realizarse de xeito intensivo, concentrándoas en 14 días de actividade (en bloques non inferiores a 3 días) ou cursando as 150 horas nunha entidade que traballe no eido da educación no tempo libre.