Pestanas principais

O Concello de Ames abre o prazo de inscrición para participar no programa de conciliación familiar Nadal Lúdico

Luns, 03 de novembro de 2014

[03-11-2014] O Concello de Ames, a través da concellería de Educación e Servizos Complementarios, abre o prazo para inscribirse no programa de conciliación familiar Nadal Lúdico. Terá lugar tanto en Bertamiráns como en Milladoiro durante as vacacións escolares; os días 22, 23, 24, 26, 29, 30, 31 de decembro de 2014 e 2, 5, e 7 de xaneiro de 2015. Nestas xornadas levaranse a cabo diferentes actividades lúdicas destinadas ao entretemento e á aprendizaxe dos máis pequenos. O horario será dende as 7:30 ás 16:00 horas. Premendo nos enlaces que están á túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición no programa Nadal Lúdico e as bases dos programas lúdicos.

O Nadal Lúdico é unha iniciativa que lle facilita aos pais e nais conciliar a súa vida laboral coas vacacións dos seus fillos, mentres estes, ocupan o seu tempo libre dunha maneira educativa e divertida. Os beneficiados serán os nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria que estean empadroados no concello de Ames ou aqueles fillos e fillas das persoas que, aínda que non estean empadroados, traballen neste municipio.

Ata o vindeiro 15 de novembro as familias que o desexen poderán presentar a súa solicitude para participar neste programa. A entrega da documentación deberá facerse no departamento de Educación, no Rexistro Xeral do Concello, en Bertamiráns, ou na Oficina Municipal do Milladoiro, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Os sábado tamén está aberto o rexistro Xeral da Casa do Concello. Por cada participante, o pai, nai ou titor, deberá presentar un certificado da empresa ou institución na que traballa.

Unha vez finalizado o prazo de inscrición publicarase a lista de admitidos na que tamén se indicarán os lugares das actividades por grupos. Esta listaxe poderase consultar nos taboleiros do Concello e da Oficina Municipal do Milladoiro. Para máis información poden chamar ao teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.org do departamento de Educación.