Pestanas principais

O Concello de Ames abre o prazo de inscrición para o Xuño Lúdico entre o 24 de abril e o 5 de maio

Luns, 24 de abril de 2017

[24-04-2017] O Concello de Ames, a través da concellaría de Educación e Cultura, acaba de abrir o prazo para inscribirse no programa de conciliación familiar Xuño Lúdico. Trátase dun servizo destinado a nenos e nenas de segundo ciclo de infantil e educación primaria que se desenvolverá durante os días 26, 27, 28, 29 e 30 de xuño, de 7:30 a 16:00 horas, tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Premendo nas ligazóns que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición e as bases dos programas lúdicos.

O verán é unha época para pasalo ben, sobre todo para os máis pequenos, que teñen preto de tres meses libres. As obrigas laborais dos pais e nais fan moi difícil conciliar o traballo co coidado dos seus fillos e fillas. Para axudar a estas familias, o Concello de Ames pon en marcha un ano máis o programa do Xuño Lúdico, a través do cal se ofrecen actividades lúdicas e culturais aos nenos e nenas amesáns mentres os seus pais e nais traballan.

Este programa está dirixido aos nenos e nenas que teñen entre 3 e 12 anos. Con esta iniciativa preténdese ofertar unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo no tempo de vacacións escolares, permita ás nais e pais conciliar a vida laboral e familiar.

Estas actividades desenvolveranse durante os días 26, 27, 28, 29 e 30 de xuño, dende as 07:30h ata as 16:00 horas. O prazo para apuntarse no Xuño Lúdico estará aberto ata o 5 de maio. Todas as persoas interesadas terán que pasar polo departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, ou pola oficina municipal do Milladoiro, en horario de 09:00 a 14:00 horas. As follas de inscrición tamén se poden descargar na sección de AVISOS da web municipal.

A entrega da documentación farase no rexistro xeral do Concello, situado na Casa do Concello, no rexistro do Pazo da Peregrina de Bertamiráns, e na oficina municipal do Milladoiro, no mesmo horario que no caso anterior. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames abre o prazo para a inscrición no Xuño Lúdico"