Pestanas principais

O Concello de Ames abre o prazo de inscrición para as actividades da Primavera Lúdica

Xoves, 14 de febreiro de 2013

[14-02-2013] O Concello de Ames pon en marcha un ano máis o programa da Primavera Lúdica, que está dirixido aos nenos e nenas escolarizados no 2º ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria, e que estean empadroados no concello de Ames. Con este programa preténdese ofertar unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo durante as vacacións escolares, permita as nais e pais conciliar a vida laboral e familiar. A Primavera Lúdica desenvolverase durante os días 25, 26, 27 de marzo e o 1 de abril, en horario de 7:30 h a 16:00 horas. O prazo de inscrición estará aberto do 14 ao 28 de febreiro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición e as bases de funcionamento dos programas lúdicos.

Durante a última semana de marzo os nenos e nenas amienses disporán de oito días de descanso e lecer. Para que as nais e pais, que teñen fillos/as en idade escolar, poidan conciliar a vida laboral e familiar o Concello de Ames oferta un programa de actividades culturais e formativas que manterán ocupados aos rapaces e rapazas durante as horas nas que as súas familias teñen que acudir a traballar.

A Primavera Lúdica, como o resto de programas lúdicos levados a cabo polo Concello nos últimos anos, busca ao mesmo tempo a diversión dos rapaces no seu tempo de vacacións e a conciliación da vida laboral e familiar dos seus pais/nais. Estas actividades realizaranse durante os días 25, 26, 27 de marzo e o 1 de abril dende as 7:30 h ata as 16:00 horas. O horario comprende os tramos Bos días, de 7:30 h a 9:00 horas (con opción de almorzo), lúdicos, de 9:00 h a 14:30 horas e comedor e xogo libre, de 14:30 h a 16:00 horas.

Este programa está dirixido aos nenos e nenas escolarizados no 2º ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria e que estean empadroados no concello de Ames. Aínda así, poderán acceder tamén a esta oferta lúdica e educativa os fillos e fillas de persoas que, estando empadroadas noutro concello, teñan os seus postos de traballo neste municipio. Esta situación acreditarase cun certificado da empresa ou institución. Terán sempre preferencia os/as empadroados/as no Concello de Ames.

Prazo de inscrición: do 14 ao 28 de febreiro
Os pais e as nais que estean interesados en inscribir neste programa aos seus fillos/as poden recoller a documentación no departamento de Educación en Bertamiráns e na Oficina Municipal do Milladoiro. A entrega da documentación deberá facerse no Rexistro Xeral do Concello, en Bertamiráns, e na Oficina Municipal do Milladoiro en horario de 9:00 h a 14:00 horas, tendo en conta tamén que o Rexistro Xeral do Concello abre de luns a sábado e as Oficinas Municipais do Milladoiro, abren de luns a venres.

Cando remate o prazo de inscrición publicarase a lista de admitidos na que tamén se indicarán os lugares das actividades por grupos. Esta listaxe poderase consultar nos taboleiros do Concello e da Oficina Municipal do Milladoiro. Para máis información poden chamar ao teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.org do departamento de Educación.