[11-11-2014] É un proxecto de dinamización lingüística para o alumnado de 3º e 4º da ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos.Haberá varios premios e unha viaxe para o equipo gañador.
O Concello de Ames abre o prazo para inscribirse no IV Club de Debate, un proxecto de dinamización lingüística dirixido aos estudantes de 3º e 4º da ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos. Trátase dun torneo por equipos, onde cada un deles deberá preparar e defender dúas posicións, -a favor e en contra- a respecto dun tema. O obxectivo é promover o pensamento crítico e analítico, fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia e o traballo en equipo á vez que se impulsan os usos orais en lingua galega en contextos formais e informais. A data límite de inscrición remata o vindeiro 28 de novembro.
O Club de Debate é unha iniciativa na que participan varios concellos galegos en colaboración cos centros de ensino secundario e coordinado polos servizos de normalización lingüística municipais. Organizado como unha competición deportiva, os debates produciranse entre dous equipos e haberá que superar varias fases: local, comarcal e galega. Os grupos serán mixtos e estarán compostos por un mínimo de 4 e un máximo de 10 membros, ademais de contar cun preparador persoal docente ou persoal de administración e servizos.
Todos os equipos inscritos participarán nunha xornada de formación de catro horas para orientalos na práctica de habilidades comunicativas co fin de activar, motivar e ofrecer recursos que melloren as súas intervencións orais públicas. Os debates serán analizados por un xurado de cinco membros composto por profesorado, xornalistas, lingüistas e xuristas. Valoraranse as exposicións, os argumentos e habilidades comunicativas, así como os factores de tolerancia fronte á diversidade de opinións e o traballo en equipo.
As competicións poderán seguirse a través do Twitter: @MocidadeDebate e no Facebook: www.facebook.com/pages/Club-de-debate/340173912683525.
Premios en fases de zona e viaxe para o equipo gañador
Os equipos gañadores de cada zona competirán na final onde debaterán sobre o tema: “Herdamos o galego. Temos que transmitilo”. Na competición comarcal, haberá dous premios en material cultural (libros, discos, material informático...), un premio de 500 euros para o equipo gañador e outro de 300 euros para o segundo clasificado. O conxunto vencedor gañará unha viaxe multiaventura dunha fin de semana para vinte persoas.




