[25-04-2012] O Concello de Ames abre mañá, día 26 de abril, o prazo de preinscrición nos campamentos de verán. As concellarías de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude e de Medioambiente, Sanidade e Cultura ofertan neste 2012 un total de 520 prazas para que os rapaces e rapazas, mozos e mozas que teñen de 3 a 18 anos gocen duns días de actividades. Todos aqueles cativos que desexen asistir teñen de prazo para preinscribirse dende mañá ata o 8 de maio. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a ficha de preinscrición para os campamentos de verán 2012.

Prazo de solicitudes
Todos os rapaces que desexen asistir terán de prazo para preinscribirse dende mañá, 26 de abril, ata o día 8 de maio. A preinscrición realizarase cubrindo unha ficha para todos os campamentos que poderán descargar na web www.concellodeames.org, ou no banner que está situado na cabeceira da web. A ficha de preinscrición tamén se poderá recoller no Milladoiro e en Bertamiráns. Na Oficina Municipal do Milladoiro, de luns a venres en horario de 09:00 a 14:00 horas, para todos os campamentos.
No caso de Bertamiráns, os impresos para os campamentos de infantil e primaria pódense recoller na Concellaría de Medio Ambiente de luns a venres, mentres que os dos campamentos xuvenil recolleranse na concellería de Xuventude. En ambos os casos en horario de 09:00 a 14:00 horas. Os impresos entregaranse, no Rexistro da Oficina Municipal do Milladoiro de 09:00 a 14:00 horas ou no Rexistro Xeral en Bertamiráns, tamén de 09:00 a 14:00 horas.
Unha vez rematado o prazo de preinscrición e a efectos de información e posibles reclamacións expoñeranse as listas provisionais nos taboleiros oficiais do concello do 10 ao 12 de maio. As listas definitivas expoñeranse ao público nos mesmos lugares o vindeiro 18 de maio.
Como o número de prazas é limitado, no caso de haber máis solicitudes que prazas, a adxudicación farase por sorteo público no salón de plenos do concello o día 22 de maio ás 10:00 horas. O resultado do sorteo expoñerase publicamente o día 23 de maio.
Para ampliar calquera outra información dos campamentos de verán poden poñerse en contacto co Concello de Ames a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org e do número 660 004 665 para os campamentos de Infantil e Primaria e omix@concellodeames.org e 616 083 229 para os campamentos xuvenís.
Campamentos ofertados
Así, cun total de 60 prazas dispoñibles, os nenos de 1º e 2º de educación infantil terán a posibilidade de pasar os días 25 e 26 de xuño na granxa escola de Bergando (Negreira). O custo será de 45 euros. Un grupo de 60 rapaces de 3º de educación infantil tamén acudirán a esta mesma granxa escola nas xornadas do 27 ao 29 de xuño, a un prezo de 90 euros, mentres que 60 nenos de primeiro curso de primaria estarán alí entre o 2 e o 4 de xullo, cun custo de 90 euros.
Para os rapaces que cursen segundo de educación primaria haberá 60 prazas nesta mesma granxa escola de Negreira. Neste caso, a estancia será do 5 ao 7 de xullo por un prezo de 90 euros.
Nos campamentos de verán do Concello de Ames tamén haberá 50 prazas para que o alumnado de 3º de educación primaria pasen do día 1 ao 4 de agosto no Albergue Fundación González Ferreiro, do concello ourensán de Allariz. Neste caso, o custo será de 127 euros. O mesmo albergue acollerá a 50 rapaces de 4º de primaria entre o 6 e o 9 de agosto, unha estadía que terá un custo de 127 euros.
Para os alumnos de 5º e 6º de primaria haberá 110 prazas na Escola Kiriko de Fornelos de Montes. Os rapaces estarán nesta escola entre o 13 e o 18 de agosto por un prezo de 170 euros.
Como novidade neste verán 2012, os rapaces de 1º a 4º de educación secundaria poderán pasar uns días nun campamento xuvenil en Aveiro, Portugal. A estadía que terá un custo de 280 euros, realizarase entre os días 13 e 19 de xullo. Ademais, os maiores, de entre 16 e 18 anos, terán a oportunidade de viaxar entre o 23 e o 29 de xuño ao parque Port Aventura de Tarragona. En total, ofértanse 30 prazas que teñen un custo de 300 euros.
Para facilitarlles o pagamento aos pais/nais permítese o seu fraccionamento. Para os campamentos de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, o primeiro pago (50% do custo) efectuarase nas datas de matrícula, de 23 de maio ao 4 de xuño e o segundo prazo será do 1 ao 14 de xullo. No caso dos campamentos xuvenís, o primeiro prazo (do 50%) será do 23 ao 31 de maio, mentres que o segundo fíxase entre o 11 e o 18 de xullo. En todos os casos, haberá descontos no custo para usuarios de familias numerosas.

Os campamentos, dirixidos a nenos e nenas de 2º ciclo de educación infantil, primaria e rapaces e rapazas desde 1º de ESO ata os 18 anos, realizaranse nesta edición en lugares como as granxas escolas de Bergando (Negreira), 'Kiriko' (Fornelos de Montes), no Albergue Fundación González Ferreiro de Allariz e nun campamento xuvenil en Aveiro (Portugal). Ademais, este ano inclúese unha viaxe xuvenil ao parque de Port Aventura, en Tarragona.
Como novidades, nesta edición de 2012 incrementan o número de prazas, especialmente nas actividades destinadas aos maiores, e a distancia na que se realizan os campamentos. O aumento da oferta de campamentos, así como do número de prazas, realízase coa intención de que a maior parte dos cativos que desexan participar nestas actividades teñan a opción de facelo. En todos os campamentos faranse xogos de cooperación e divertidas veladas.
Grazas a este programa de campamentos deseñado polo Concello de Ames, os cativos terán a posibilidade de pasar uns días divertidos ao tempo que fan novos amigos e fomentan o respecto polo medio ambiente.
Para realizar a admisión nos campamentos establécese unha prioridade. En primeiro lugar, terán preferencia os nenos/nenas empadroados no Concello de Ames que solicitaran praza, en tempo e forma, nos campamentos de 2011, e que non puideran participar por límite de prazas. En segundo lugar, están as familias monoparentais empadroadas en Ames, seguidas dos nenos e nenas empadroados no Concello. En cuarto lugar estarán os nenos que non estando empadroados están matriculados nun centro educativo de Ames ou os seus pais/nais traballan no territorio municipal de Ames. En quinto lugar figuran os nenos/nenas non empadroados.





