[13-07-2012] A Concellaría de Educación do Concello de Ames vén de convocar as axudas para a promoción de actividades levadas a cabo polas ANPAS dos centros educativos amienses ao longo do ano 2011. Esta liña de axudas ábrese a final de curso para poder recoller todas as actividades realizadas ao longo do ano. En total, destínanse 18.500 euros á subvención, ata un 80% do presuposto total, de saídas culturais e de actividades extraescolares. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases da convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo polas ANPAS.
As solicitudes poden presentarse no rexistro xeral do Concello de Ames ata o vindeiro día 6 de agosto. As solicitudes deberán achegarse nos modelos normalizados correspondentes, que poden obterse nas dependencias do departamento de Educación. As bases pódense consultar na sección de CONVOCATORIAS da páxina web do Concello (www.concellodeames.org).
O obxectivo principal desta convocatoria de axudas é enriquecer a formación da poboación escolar do Concello de Ames, a través do desenvolvemento de actividades coas que complementen a formación regrada que reciben nos centros educativos. Ademais, búscase promover a convivencia da poboación escolar fóra do ámbito puramente académico e impulsar a conciliación da vida laboral e familiar, así como ofrecer aos pais e nais unha alternativa fóra do horario escolar.
A estas axudas poderán optar as ANPAS existentes nos centros educativos de titularidade pública do Concello de Ames, legalmente constituídas e que figuren inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións.
Libros de texto e material escolar
Por outra banda, o Concello prevé que en setembro se abra a convocatoria de axudas para libros de texto e material escolar para o vindeiro curso 2012-2013. Neste momento, está aberta a liña de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinados ao alumnado que cursou estudos de 2º ciclo de educación infantil durante o curso 2011-2012.
Poderán optar a estas subvencións os pais e nais -ou titores legais- dos nenos e nenas matriculados no curso escolar 2011/2012 nun centro de ensino sostido con fondos públicos, no nivel de Educación Infantil (2ª Etapa, de 3 a 5 anos). Os solicitantes deberán cumprir, ademais dos requisitos recollidos no artigo 13.2 da Lei 18/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións. As solicitudes deberán presentaranse ata o 4 de agosto no rexistro xeral do Concello de Ames.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames convoca axudas para a promoción de actividades levadas a cabo polas ANPAS"