Pestanas principais

O Concello de Ames abre ao tráfico a rúa Besada do Milladoiro tras finalizar as obras dun novo carril e unha beirarrúa

Mércores, 13 de maio de 2015

[13-05-2015] O Concello de Ames abriu hoxe ao tráfico a rúa Besada do Milladoiro. Neste viario, que conflúe coa avenida de Rosalía de Castro, leváronse a cabo traballos para a execución dun novo carril de circulación e a construción dunha beirarrúa. O alcalde de Ames, Santiago Amor, amosouse satisfeito cunha obra que “mellora o tráfico e a seguridade viaria dos vehículos e peóns”.

A actuación iniciouse hai un mes co derrubamento dunha vella caseta de telefonía que actualmente estaba en desuso. Previamente foi preciso a adquisición, por parte do consistorio, de dúas parcelas situadas no tramo final desta rúa. A continuación procedeuse ao ensanche da rúa para establecer un dobre sentido de circulación e por último executouse un novo tramo de beirarrúa. O importe dos traballos acadou os 35.000 euros.