Pestanas principais

O Concello de Ames abona as axudas para a promoción da actividade comercial

Xoves, 24 de maio de 2012

[24-05-2012] O Concello de Ames, sempre comprometido coas asociacións de comerciantes do municipio, abonou onte as axudas ao comercio amiense correspondentes a 2011. Neste exercicio, a subvención está dotada dun total de 37.000 euros.

A Concellaría de Comercio quere agradecer “a colaboración e o traballo conxunto" que están levando a cabo as asociacións comerciais do municipio amiense, unha reclamación que xa lles trasladara o concelleiro, Bernardo Moar, na súa primeira reunión cos empresarios tras a toma de posesión do cargo. Moar anima aos comerciantes “a seguir colaborando e traballando xuntos, algo que nos permitirá facer máis con menos recursos”.

Neste exercicio, destaca especialmente o incremento experimentado na partida destinada á promoción económica, unha acción que a Concellaría de Comercio considera “imprescindible no actual momento económico, no que debemos prestar un maior apoio ao importante tecido empresarial de Ames”. O concelleiro de Comercio, Bernardo Moar, subliña a importancia de que esta promoción comercial se faga entre todas as asociacións do Concello, un aspecto que se valora no baremo da concesión destas axudas. Moar insta aos empresarios “a seguir por esta senda e a unir esforzos para saír adiante na actual conxuntura económica”.

A contía total das axudas repártese en tres capítulos. A primeira partida, destinada á iluminación de Nadal, conta con 12.000 euros, outra de 6.000 euros é para infraestruturas e equipamento, e a terceira, que se destina ao apartado de promoción comercial, está dotada de 19.000 euros.

A Concellaría recorda, ademais, que a última liña de axudas ao comercio foi convocada polo anterior Goberno municipal con carácter bianual (comprendendo os anos 2009 e 2010) por un total de 42.000 euros. Polo tanto, o Concello de Ames destaca que “o incremento da contía das subvencións para o ano 2011 foi importante”, xa que, ademais, se fixo unha distribución dos fondos, dedicando máis á promoción comercial e engadindo as axudas para a iluminación de Nadal. Unha das accións que se levou a cabo foi eliminar a partida destinada a formación, que quedara deserta por falta de solicitudes nos últimos anos, para reorientala cara o impulso á promoción comercial. 

Distribución das axudas

No eido da promoción comercial, o Concello concedeu un total de 5.746 euros á Asociación de Comerciantes de Bertamiráns; 6.466 euros á Asociación de Empresarios do Milladoiro (AEMI); un total de 2.499 para a Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Boulebar, e 4.288 para a Asociación de Empresarios Polígono Novo Milladoiro. En canto ao apartado de infraestruturas e equipamento, AEMI recibiu 1.704 euros; ACB, un total de 1.458 euros; AEPNM recibiu 958 euros, e Palmira Bulebar, un total e 217. Por último, no capítulo correspondente á iluminación de Nadal, a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns e a Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro recibiron 6.000 euros cada unha.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Las patronales de Ames recibieron 37.000 € de ayudas al comercio en 2011"