Pestanas principais

O Concello de Ame súmase á conmemoración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas

Xoves, 21 de xuño de 2018

[21-06-2018] Este mércores, 20 de xuño, conmemorouse o Día Mundial das Persoas Refuxiadas, unha data instaurada desde 2001 a partir dunha Resolución da Asemblea Xeral de Nacións Unidas. O Concello de Ames sumouse a dita conmemoración asistindo a un acto reivindicativo que se realizou na praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. En dito acto participaron representantes dos concellos de Santiago, promotor do evento, e de Teo, así como das entidades sociais que traballan coas persoas refuxiadas.


O acto de conmemoración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, impulsado dende o Concello de Santiago de Compostela, desenvolveuse na praza do Obradoiro. Por parte do Concello de Ames asistiu a concelleira de Participación e Atención Veciñal, Isabel González, e o técnico municipal da Concellaría de Servizos Sociais, Leonardo Pena. Dito acto estivo presidido pola alcaldesa en funcións de Santiago, María Rozas. Ademais, interviron a concelleira do goberno compostelá, Concha Fernández, e Fadile Chami, unha muller siria afincada en Galicia. Ata a praza do Obradoiro achegáronse ademais representantes de Médicos do Mundo, Cruz Vermella, Unicef, a Coordinadora Galega de ONGs, a Fundación Ronsel, e o Foro Galego Inmigración. No acto tamén se puido escoitar a música da zanfoña de Ariel Ninas e a voz de Alba María.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca que “o Día Mundial do Refuxiado, celébrase cada 20 de xuño, para conmemorar a súa forza, valor e perseveranza. Esta celebración danos a oportunidade de mostrar o noso apoio ás familias que se viron obrigadas a fuxir. Dende o Concello de Ames queremos concienciar e chamar a reflexión sobre a dramática situación das persoas refuxiadas. Como dixo António Guterres, secretario xeral da ONU, non se trata de compartir unha carga, senón de compartir unha responsabilidade mundial, baseada tanto na idea xeral de que todos somos humanos como nas obrigas moi específicas contraídas en virtude do dereito internacional. Os problemas fundamentais son a guerra e u odio, non as persoas que foxen”

Para conmemorar o Día Mundial do Refuxiado, o Concello de Ames conta coa exposición No colo da esperanza, que pode visitarse no Pazo da Peregrina ata o venres 29 de xuño. A inauguración desta exposición tivo lugar o pasado sábado durante a celebración do Encontro Intercultural cunha visita guiada da man do propio autor, Felipe Carnotto. Esta exposición ten como obxectivo concienciar sobre a difícil situación das persoas refuxiadas. A mostra componse dunha ducia de fotografías en branco e negro tomadas no ano 2015 na coñecida como ruta dos Balcáns, a través da que milleiros de persoas foxen da guerra en Siria á procura de refuxio en Europa.

No nome das persoas refuxiadas, no acto interviu Fadile Shami, unha muller siria que vive en Galicia e que forma parte da rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas. Segundo explicou "o sistema de acollida da Unión Europea, e por iso as persoas nesta situación se dirixen directamente aos concellos, aos que hai que agradecerlles o seu apoio". Fadile Shami aproveitou para reclamar que "todos os concellos galegos mostren a colaboración que están a mostrar Santiago, Ames ou Teo, e apoien ás persoas refuxiadas, pero tamén ás persoas sen papeis".

Ames Concello de Acollida
O pleno da Corporación municipal, o día 3 de setembro de 2015, aprobou por maioría declarar Ames "Concello de Acollida". Ante a chegada a España dos refuxiados/as que viaxaron no barco humanitario "Aquarius", dende o Concello de Ames puxeron a disposición da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) os recursos que poida ter para colaborar na acollida de ditos/as refuxiados/as.

Despois do acto na Praza do Obradoiro, realizouse unha mesa de traballo con todas as entidades, na que se aprobou un comunicado no que se esixe a "os estados europeos, as comunidades autónomas e os concellos para que definan políticas coherentes e coordinadas que permitan unha acollida e unha integración real e efectiva das persoas que foxen dos conflitos e persecucións".