Pestanas principais

O Concello de Ame abre o prazo para participar no programa de Vivendas Baleiras

Mércores, 03 de maio de 2017

[03-05-2017] O Concello de Ames informa de que este mércores, 3 de maio, saen publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases reguladoras do programa de Vivendas Baleiras. Todos os propietarios que queiran adherirse a dito programa ou aquelas persoas que desexen beneficiarse desta iniciativa deben realizar os correspondentes trámites de inscrición. O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto de xeito permanente para facilitar a máxima participación. Este programa enmárcase dentro do convenio de colaboración asinado entre o IGVS e a FEGAMP para o desenvolvemento do programa de vivendas baleiras no ámbito do Plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellora do acceso á vivenda 2015-2020. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e impresos de solicitude.

A existencia de vivendas desocupadas nos concellos resulta contraria ás esixencias dun axeitado principio de uso racional do parque de vivendas, tanto por razóns de eficiencia económica coma por ser un factor de sustentabilidade medio ambiental e territorial, polo que o programa de Vivendas Baleiras persigue promover o uso destas vivendas outorgándolle aos Concellos que as incorporan as garantías xurídicas e económicas necesarias e que son asumidas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Deste xeito, o Concello de Ames adheriuse ao convenio de colaboración asinado entre o IGVS e a FEGAMP para o desenvolvemento do programa de Vivendas Baleiras, co que se persegue poñer a disposición do mesmo as vivendas desocupadas, para poder destinalas a aquelas unidades familiares ou de convivencia con maior dificultade de acceso á vivenda e, de xeito prioritario, ás afectadas por procedementos de execucións hipotecarias ou por desafiuzamentos por impago da renda de alugueiro da súa vivenda habitual.

A través desta iniciativa destinaranse vivendas baleiras de propiedade pública ou privada ao alugueiro social para familias desfavorecidas. Poderán incorporarase a este programa vivendas que reúnan as seguintes condicións: vivendas libres ou que non estean sometidas a limitacións para o seu alugueiro; que carezan de cargas; que estean desocupadas; que reúnan as condicións mínimas de habitabilidade; que dispoñan dos servizos básicos de auga, lixo, gas e/ou electricidade; e que dispoñan dunha cociña con electrodomésticos.

O prezo máximo de alugueiro establecido dentro deste programa é de 300 euros para unha vivenda tipo de 90 metros cadrados. A incorporación das vivendas farase por un período de 3 anos. O IGVS para cada unha das vivendas arrendadas o abeiro do citado programa, proporcionará un seguro multirisco do fogar, polo que quedarán cubertos todos os danos sufridos pola vivenda durante a vixencia do arrendamento, e un seguro de garantía de cobro da renda nas mensualidades impagadas polos arrendatarios e a asistencia xurídica dos arrendadores nos procesos de desafiuzamento ou reclamacións de cantidade por impago de rendas.

O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto de xeito permanente para facilitar a máxima participación. As persoas titulares das vivendas e as inquilinas que teñan contratos de arrendamento no marco deste programa, poderán acollerse ás medidas de apoio e ás axudas públicas para o fomento do alugueiro establecidas polo IGVS e que estivesen vixentes durante a duración do contrato.

Selección de arrendatarios e de adxudicación de vivendas
Serán os propios Concellos os encargados de elaborar unha proposta de selección de arrendatarios e de adxudicación de vivendas. Nestes procedementos deberá esixirse que os integrantes das unidades familiares ou de convivencia que queiran arrendar cumpran unha serie de requisitos xa que os obxectivos prioritarios de mobilizar as vivendas baleiras e favorecer o acceso á vivenda de colectivos singulares, en particular, colectivos sociais especialmente desfavorecidos, vulnerables ou en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas maiores e persoas novas que pretendan acceder á vivenda por primeira vez.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, incide en que “como xa dixemos cando nos adherimos ao convenio de Vivendas Baleiras consideramos que aínda que a iniciativa é boa, quizais o convenio se quede un pouco curto. Non está pensado para previr casos desafiuzamentos, senón que o que persegue é que os Concellos poidan dispor de vivendas para poder destinalas a aquelas unidades familiares ou de convivencia con maior dificultade de acceso á vivenda e, de xeito prioritario, ás afectadas por procedementos de execucións hipotecarias ou por desafiuzamentos por impago da renda de alugueiro da súa vivenda habitual, deixando toda a responsabilidade da captación das vivendas e a súa adxudicación aos propios Concellos adheridos”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Anotaciones para el alquiler de pisos por 300 euros en Ames"