Pestanas principais

O Concello concederá 75.000 euros de subvencións para a promoción de festas populares e actividades levadas a cabo por Asociacións Culturais

Mércores, 02 de xuño de 2021

Até o 28 de xuño está aberto o prazo para presentarse ás subvencións para a promoción de Festas Populares e actividades levadas a cabo polas Asociacións Culturais que outorga o Concello de Ames a través da concellaría de Cultura. Nesta ocasión concederanse 75.000 euros: 45.000 ás actividades culturais e 30.000 ás festas. Podes consultar aquí as bases para a as subvencións ás festas populares. Podes consultar aquí as bases para as subvencións que se outorgan as Asociacións Culturais.

A convocatoria de subvencións para a promoción de festas populares e actividades levadas a cabo por Asociacións Culturais está dirixida nesta ocasión as festas e actividades que se desenvolveron no ano 2020 e 2021. O prazo para presentar as solicitudes, remata o 28 de xuño, un mes despois de que a convocatoria fora publicada no Boletín Oficial da Provincia.

Actividades levadas a cabo por Asociacións Culturais
Para a realización de actividades levadas a cabo por parte de asociacións culturais (exercicios 2020 e 2021) destínase un total de 45.000 euros. A estas subvencións, poderán optar todas as asociacións culturais ou veciñais do concello de Ames, que realicen actividades de índole cultural. As asociacións deben estar legalmente constituídas e deben figurar inscritas no rexistro municipal de asociacións, cos datos de inscrición debidamente actualizados.

Promoción de festas populares
Para a promoción de festas populares durante o mesmo período 2020 e 2021 está destinada unha contía de 30.000 euros. A estas achegas económicas poderán optar aquelas asociacións culturais amesás, que estean legalmente constituídas e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións, cos datos de inscrición actualizados. Tamén poden acceder as axudas as comisións de festas. O importe individual das axudas dependerá dos habitantes censados en cada lugar ou parroquia en que se celebren os festexos, de acordo ao baremo que figura nas bases.

Para a concelleira de Cultura, Natividade González, os obxectivos desta liña de axudas pasan por achegar a cultura á veciñanza e manter unha programación festiva estable que enxalce e preserve a tradición das distintas parroquias: “Por unha banda pretendemos apoiar a creación e mantemento dunha vida cultural estable dentro do ámbito territorial do Concello de Ames, promovendo a participación activa da veciñanza en actividades de índole cultural e festiva que presentan un claro interese público”.

Presentación de solicitudes
As solicitudes, xunto co resto da documentación, presentarase na Sede electrónica do Concello. Igualmente poderá presentarse no Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC), ao que se pode acceder desde o enlace dispoñible na sede electrónica do Concello de Ames.

Para calquera, os interesados/as poden poñerse en contacto co departamento de cultura do Concello de Ames no tlf 662377444 e no enderezo electrónico cultura@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames destina 75.000 euros a fiestas y cultura"

Lindeiros: "Ames destina 75.000 euros ás festas e actividades culturais organizadas por Asociacións"

Praza do Concello