[24-08-2016] A Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB), a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Milladoiro (AAEPNM), a Asociación de Empresarios PALMIRA BOULEVARD e a Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro (AEMI) son as beneficiarias das axudas que a Concellaría de Promoción Económica ven de conceder co obxectivo de apoiar e fomentar a actividade comercial no municipio. A contía destas axudas é de 20.169,88 euros.
A Xunta de Goberno Local aprobou as bases da convocatoria de Subvencións para a Promoción do Comercio no Concello de Ames para o ano 2015. Unha vez que os solicitantes achegaron a documentación pertinente, a Concellaría de Promoción Económica solicitou á Xunta de Goberno Local celebrada o 11 de agosto, a aprobación destas axudas que se conceden despois de que a comisión avaliadora examinara e avaliara esa documentación.
Os criterios de avaliación reparten a puntuación en base á adecuación e interese local da actividade, tendo en conta á hora de sumar puntos que a actividade estea realizada conxuntamente por máis dunha asociación. Tense en conta tamén o número de socios que ten cada entidade, o coeficiente de financiamento derivado da solicitude, o orzamento da actividade, a promoción da lingua galega e a adhesión da entidade solicitante ao Sistema de Arbitraxe de Consumo de Galicia.
As ssociacións podía optar a dúas liñas de axuda: unha para infraestruturas e equipamentos da propia asociación e outra para promoción comercial na que se inclúen actuacións como publicidade, anuncios en prensa, campañas de promoción e salarios.
Estas axudas teñen como fin promover actividades e apoiar o desenvolvemento das asociacións de empresarios e de comerciantes existentes no concello co obxectivo de fortalecer e potenciar o tecido comercial e empresarial. Para poder optar a estas axudas as asociacións teñen que estar legalmente constituídas e figurar inscritas no rexistro de asociacións.
Contido relacionado
La Voz de Galicia:"Ames concede 20.000 euros a las asociaciones de empresarios"